datileira

datileira

(< dátil)

Nome científico: [Phoenixdactylifera, Fam da arecáceas]
s f [PLANTA]

Palmeira de tronco esvelto de ata 30 m de altura, con follas pinnadas de ata 6 m de lonxitude, que en número de 20 a 30 follas forman unha coroa apical. As flores son unisexuais, pequenas e de cor branca, e aparecen reunidas en espádices axilares de ata 120 cm. Os froitos, os denominados dátiles, son baias oblongas de cor laranxa, de ata 5 cm de longo de polpa azucrada e cunha semente oleaxinosa, que precisan para madurar temperaturas superiores aos 40 °C e unha gran disponibilidade de auga; constitúen un importante alimento en moitos países árabes. É orixinaria do norte de África pero a súa área orixinal ampliouse polo cultivo, en terreos fértiles e ben drenados, en condicións climáticas libres de xeadas, ás Canarias, Mediterráneo setentrional, parte meridional dos EE UU e dende Arabia ata o Golfo Pérsico. Foi un símbolo da fertilidade para os exipcios, motivo nas moedas e documentos cartaxineses, ornamento fundamental nas celebracións triunfais dos gregos e romanos e símbolo da paz na tradición cristiá. En Elx subsiste un palmeiral, o de maior extensión de Europa, de máis de 200.000 datileiras, que probablemente proceda do cultivo, por parte dos árabes, dun pequeno bosque autóctono relito do Terciario do que se coñecen restos de froitos de hai preto de 4800 anos.