Dato Iradier, Eduardo
Xurista e político. Licenciado en Dereito no ano 1875, comezou a publicar un ano máis tarde a súa propia revista xurídica, a Revista de Tribunales. Desde 1877 dedicouse á avogacía, ata ser elixido (1883) deputado polo Partido Conservador en Murias de Paredes (León). En 1892 foi nomeado subsecretario de Gobernación, posto no que se distinguiu polo saneamento que fixo da administración municipal madrileña. Foi nomeado en 1899 ministro de Gobernación, desde o que iniciou unha serie de reformas sociais. Restableceu a dirección xeral de Sanidade (1899) e promulgou leis sobre accidentes laborais e protección do traballo de mulleres e nenos. En maio de 1900, ditou unha lei pola que se lles obrigaba aos institutos de ensino secundario a impartiren clases nocturnas e de balde para os obreiros. Como ministro de Gobernación (1900) e de Gracia e Xustiza (1902) promulgou a Lei de Bases da Administración Local, emprendeu a reforma do sistema penitenciario (tratamento individualizado dos penados, regulación dos ingresos e ascensos na carreira xudicial, inspección dos servicios carcerarios, etc) e creou a Escola de Criminoloxía de Madrid. En 1907, logo de ser designado polo seu partido, aceptou a alcaldía de Madrid, que abandonou ao ser elixido presidente do Congreso. Nomeado presidente do Goberno en 1913, ao iniciarse a Primeira Guerra Mundial declarou a neutralidade de España e houbo de enfrontarse á difícil situación en Marrocos e á crise de 1917, feitos que o obrigaron a dimitir. No posterior goberno de Maura, nomeado en 1918, participou como ministro de Estado. En 1920 presidiu o seu último goberno e ocupou a carteira de Mariña; ademais, nese mandato creouse o ministerio de Traballo. A política represiva fronte ao movemento obreiro tivo como consecuencia o seu asasinato na madrileña praza da Independencia. Soterrado no panteón de homes ilustres, a súa viúva e os seus descendentes recibiron de Afonso XIII, o ducado de Dato. Desde 1907 dirixiu a Revista General de Legislación y Jurisprudencia. Foi presidente da Real Academia de Legislación y Jurisprudencia (1910), do Instituto Nacional de Previsión e do Consejo Superior de Instrución Pública; membro de diversas institucións, como o Tribunal Internacional Permanente da Haia, a Real Academia de Ciencias Morales y Políticas e da Junta Provincial de Beneficencia de Madrid e administrador do Banco Hipotecario de España. Foi condecorado co colar de Carlos III, a Gran Cruz de San Gregorio Magno e o Cristo de Portugal. Escribiu numerosos discursos e conferencias entre os que destacan El movimiento revolucionario de 1917, discurso pronunciado no Congreso de los Diputados (1918), e a conferencia El Partido Conservador y las clases obreras, pronunciada na Juventud Conservadora de Madrid (1911).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid