Davis, Angela Yvonne
Política norteamericana. Estudiou con T. Adorno en Alemaña (1960) e, posteriormente, nas universidades de París (1963-1964) e Brandeis (1965). Dende 1968 militou no Communist Party of United States of America (CP-USA, Partido Comunista dos EE UU) e foi membro dos Black Panthers. Traballou como profesora asistente de filosofía na Universidade de California, pero a súa defensa das reivindicacións dos afroamericanos e a súa detención en agosto do 1970 polo FBI, acusada de colaborar no intento de fuxida dos irmáns Soledad, provocou a súa expulsión da Universidade; nese momento xurdiu o movemento Free Angela Davis que, trala súa absolución por un xurado composto integramente por brancos en 1972, se converteu no National Alliance Against Racist and Political Repression (Alianza nacional contra o racismo e a represión política), dirixido por Davis. No 1982 reanudou o seu traballo como profesora na San Francisco State University, onde permaneceu doce anos. Como membro destacado do CP-USA concorreu como candidata á vicepresidencia nas eleccións de 1980 e 1984, pero deixou o partido en 1991. No 1994, malia as obxeccións dos republicanos, accedeu á presidencia da University of Santa Cruz onde traballou como profesora no departamento de Historia do Coñecemento. Centrouse na exposición do racismo no sistema penitenciario dos EE UU. Publicou entre outras obras If They Come in the Morning: Voices of Resistance (Se eles veñen na mañá: as voces da resistencia, 1971), Angela Davis: An autobiography (Angela Davis: unha autobiografía, 1974), Women, Race and Class (Mulleres, raza e clase, 1981), Culture and Politics (Cultura e política, 1989), Resisting State Violence: Radicalism, Gender, and Race in U.S. Culture (Resistindo a violencia do Estado: radicalismo, xénero e raza na cultura dos EE UU, 1996).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Birmingham, Alabama