Davis, Dwight Filley

Davis, Dwight Filley

Xogador de tenis e político estadounidense. Nos seus tempos de estudante da Harvard University destacou como tenista. Despois de proclamarse campión universitario dos EE UU en 1899, concibiu a idea de celebrar unha competición internacional por equipos, á imaxe da Copa América de vela. Presentoulle a súa iniciativa á United States National Lawn Tennis Association. A súa intención orixinal era que a competición se denominase International Lawn Tennis Challenge Trophy, pero o feito de que fose el quen doou o trofeo resultou decisivo para que adoptara o nome de Copa Davis. Participou no equipo americano que se proclamou vencedor nas dúas primeiras edicións (1900 e 1902). No seu palmarés figuran varios títulos do Grand Slam: en individuais o Campionato Internacional dos EE UU (1899), que obtivo en dobres en dúas ocasións (1899 e 1901); tamén en dobres gañou o campionato de Wimbledon (1901). Iniciou a carreira política na cámara municipal de Saint Louis en 1911; como concelleiro de parques construíu ducias de campos públicos de tenis. Durante a Primeira Guerra Mundial serviu no exército dos EE UU e foi condecorado coa Cruz de Servicios Distinguidos. En 1920 foi candidato ao Senado, pero non saíu elixido; non obstante foi nomeado director da Corporación de Finanzas de Guerra. En 1923 accedeu á presidencia da U S Lawn Tennis Association e en 1925 incorporouse ao gabinete ministerial como secretario de Guerra, cargo no que permaneceu ata 1929, ano no que o designaron gobernador xeral das Filipinas (1929-1932).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Saint Louis, Missouri

  • Deceso

    Lugar : Washington D. C.