De humani corporis fabrica
Obra fundamental de Andrés Vesalio publicada en Basilea en 1543, que constituíu o primeiro tratado científico de anatomía humana e no que se expresa que a anatomía ten que considerarse a base da medicina. Estableceu unha crítica aberta ás concepcións, procedementos e erros de Galeno, feito que supuxo a destrución da visión medieval do home. A obra está dividida en sete libros: no libro I describe os ósos, as cartilaxes e as articulacións; no libro II, os músculos e os ligamentos; no libro III, o aparato circulatorio; no libro IV, o sistema nervioso periférico; no libro V, os órganos abdominais e xenitais; no libro VI, os órganos da cavidade torácica, entre os que están o corazón e os pulmóns; e no libro VII, o cerebro. Cada libro conta cunha serie de ilustracións nas que se observa a coordinación lograda entre as descricións do anatomista e a representación gráfica das preparacións confiadas ao gravador.