De revolutionibus orbium coelestium
Obra escrita por Nicolao Copérnico ao longo duns vinte e cinco anos de traballo (1507-1532) e publicado no ano 1543, no que expresa as súas teorías sobre a estrutura do sistema solar. Segundo Copérnico é o Sol, e non a Terra -como propuxera Ptolomeo-, o centro do sistema planetario e arredor del xiran todos os planetas. Este modelo imaxinouno Copérnico cara ao ano 1505, aínda que non o publicou ata 1543, porque quería facer un desenvolvemento matemático da súa teoría co fin de demostrar que podía explicar os mesmos feitos ca o modelo ptolemaico e evitar problemas coa Inquisición, xa que o seu punto de vista se podía considerar contrario ao dogma católico. O seu discípulo Rheticus, un matemático luterano, animouno a publicar a obra e empezou a preparar a súa edición; continuouna o teólogo luterano Osiander, quen escribiu un prólogo no que sinalaba que cumpría tomar a teoría copernicana como un modelo matemático. Como o prólogo non ía asinado, creuse que era do propio Copérnico, ata que Kepler demostrou o erro e afirmou que o autor consideraba a súa teoría como unha descrición da realidade.