Década Moderada

Década Moderada

Período comprendido entre a maioría de idade de Isabel II (1843) e o Pronunciamento de Vicálvaro (1854), que estivo dominado politicamente polo partido moderado, que dirixía o xeneral Ramón María Narváez. O xeneral Narváez, que se sublevou contra a rexencia de Espartero en maio de 1843, presidiu o novo goberno dende 1844 e substituíu a Constitución de 1837 pola de 1845. Esta Constitución, moito máis conservadora ca a anterior, recoñecía que a monarquía e as Cortes, organizadas en Congreso e Senado, compartían a soberanía. Narváez transformou o seu goberno nunha ditadura moderada a consecuencia da revolución europea de 1848, e asinou un Concordato (1851) polo que a Igrexa aceptaba a desamortización e o clero recibía, a cambio, unha subvención do Estado. Entre outras medidas, creouse un corpo armado coa finalidade de manter a orde pública, a Garda Civil (1844), estableceuse o dominio do goberno sobre a administración local, reformouse a facenda e suprimíronse os tributos locais. Non obstante , a corrupción interna do sistema e os conflitos entre o goberno e o Senado provocaron un pronunciamento en Vicálvaro, en xuño de 1854, dirixido por Leopoldo O’Donnell. Dende o goberno central, Narváez emprendeu unha estreita vixilancia dos elementos progresistas galegos asentados nas cidades da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. Situou nos principais postos da administración e do exército a persoas da súa confianza, como o gobernador da provincia da Coruña, o xeneral Martínez, o gobernador civil de Lugo, Ferreira Caamaño, ou Rafael de Vélez, o arcebispo de Santiago de Compostela. Malia estas medidas, dende os salóns de Juana de Vega continuaron os contactos entre os liberais e os exiliados, mentres en Santiago de Compostela agromaba o Movemento Provincialista, integrado por universitarios, membros de profesións liberais e funcionarios, que defendían os valores e a identidade de Galicia. Este movemento buscaba a recuperación económica, social e política do país mediante unha organización política liberal e autónoma do poder central e, para iso, empregou a prensa como instrumento para concienciar a poboación. O 2 de abril de 1846 o segundo batallón do Rexemento de Zamora pronunciouse en Lugo, e Miguel Solís y Cuetos púxose á fronte dos sublevados. O día 8, o xeneral Iriarte pronunciouse en Vilar de Cervos, acompañado por un grupo de maragatos, coa intención de apoderarse de Astorga e impedir a chegada de tropas do goberno dende a meseta, pero foi derrotado o 11 de abril. O goberno enviou un exército dirixido polo xeneral Concha para sufocar a sublevación que chegou a Galicia o 14, cando os sublevados xa dominaban as cidades de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo e Tui. Os provincialistas uníronse ao levantamento e constituíron o Batallón Literario, formado por estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela. Mentres a resistencia continuaba na Coruña, Ferrol e Ourense, os sublevados tentaban establecer o control administrativo do territorio e o día 15 de abril constituíuse a Xunta Superior do Goberno de Galicia, presidida polo provincialista Pío Rodríguez Terrazo, que administraba e axudaba o exército. As tropas dos sublevados, dirixidas por Solís e Rubín, fracasaron na Coruña, Ferrol e Ourense. O exército do xeneral Concha derrotou a Solís o 23 de abril de 1846 na Batalla de Cacheiras e os líderes dos sublevados foron fusilados en Carral o 26 de abril. Durante os anos seguintes continuaron as tensións en Galicia coa aparición de novas partidas carlistas, que actuaban dende a fronteira portuguesa ou en comarcas do interior, principalmente en Lugo.

Palabras veciñas

decabraquio -quia | decabrista | década | Década Moderada | Década Ominosa | Décadas | decadencia