decadentismo

decadentismo

(

s m [ARTE/LIT]

Movemento artístico e literario nacido en Francia a finais do s XIX, no clima de derrota nacional, xerado polas sucesivas crises que seguiron o Segundo Imperio e a guerra de 1870. A xustificación do termo e a ideoloxía parten das teorías de Giambattista Vico, Rousseau e do estudo de Montesquieu sobre a decadencia dos imperios. Influído polo pensamento de Schopenhauer, reflicte a angustia vital que xurdiu do contraste entre as ambicións desmedidas do sistema capitalista emerxente e da ciencia positivista, e a limitación dos seus resultados, que negaban os valores da sociedade tradicional e, en especial, da relixión, sen propoñer unha alternativa. O baleiro espiritual traduciuse nunha crítica ao pretendido progreso que se manifestou nunha certa nostalxia de épocas pasadas, acompañada dunha compracencia estética morbosa nos signos da decadencia do momento histórico contemporáneo: corrupción moral, crueldade, exaltación da forza e gusto polo enfermizo e depravado. Comportaba sentimentos de inseguridade, hedonismo, cansazo, desencanto, dandismo, tedio byroniano e afección á morte, propios do romanticismo, e como reacción buscaba na forma expresiva a transformación da realidade nun mundo de beleza ideal. Nas doutrinas ocultista e esotérica atopou unha saída á súa necesidade de espiritualismo. A súa concepción artística oponse á do realismo e naturalismo e postula o culto da arte pola arte. A primacía do estético, fronte a calquera outro valor, levou a unha experimentación nas formas, tendente ao refinamento extremo. A publicación da novela À rebours, de J. K. Huysmans (1884) definiu os trazos principais da estética decadentista e o seu protagonista, Des Esseintes, converteuse en prototipo social do decadentismo. A aparición do xornal Le Décadent, fundado por Anatole Banju, supuxo a difusión definitiva do movemento. O decadentismo coincidiu en múltiples aspectos co simbolismo, de xeito que algúns autores cultivaron os dous. En Rusia empregouse para designar o simbolismo, a partir dun ensaio de Merejkovski de 1894. Os seus principais cultivadores en Francia foron Charles Pierre Baudelaire, Arthur Rimbaud, Stéphane Mallarmé, Paul Verlaine e Tristan Corbière. En Inglaterra, foron precursores Walter Pater, Dante Gabriel Rossetti e Algernon Charles Swinburne; posteriormente destacaron Oscar Wilde, Ernest Dowson e Arthur Symons. En Italia, seguírono Gabriele D’Annunzio e Italo Svevo, entre outros e, en España, Valle-Inclán. Dentro das artes plásticas, influíu nos simbolistas e moi especialmente en Aubrey Beardsley.

Palabras veciñas

Décadas | decadencia | decadente | decadentismo | decadentista | decaédrico -ca | decaedro