décimo -ma
(< lat decĭmus)
-
-
adx
Que ocupa o lugar número dez nunha serie.
Ex: Chegou no décimo posto.
-
décimo cuarto
Que ocupa o lugar número catorce nunha serie.
-
décimo noveno
Que ocupa o lugar número dezanove nunha serie.
-
décimo oitavo
Que ocupa o lugar número dezaoito nunha serie.
-
décimo primeiro
Que ocupa o lugar número once nunha serie.
-
décimo quinto
Que ocupa o lugar número quince nunha serie.
-
décimo segundo
Que ocupa o lugar número doce nunha serie.
-
décimo sétimo
Que ocupa o lugar número dezasete nunha serie.
-
décimo sexto
Que ocupa o lugar número dezaseis nunha serie.
-
décimo terceiro
Que ocupa o lugar número trece nunha serie. OBS: Nas formas compostas a variación de xénero e número só se produce no segundo elemento.
-
adx
-
adx e s
m
Que corresponde a cada unha das dez partes iguais nas que se divide unha unidade. OBS: Xeralmente seguido dun complemento con de.
Ex: A décima parte do premio é para a asociación. Unha metade é para min e un décimo da outra metade é para ti.
Sinónimos: décima. -
[HIST/ECON]
-
s
m
Obriga universal de pagarlle á Igrexa ou ao monarca a décima parte da colleita ou das mercancías que pasaba dun reino a outro. Segundo a institución ou persoa que os percibía, distinguíase entre o décimo eclesiástico e o décimo real. O décimo eclesiástico instituíuse dende a Alta Idade Media nos reinos cristiáns de Europa como unha prestación que consistía xeralmente na décima parte dos froitos e bens adquiridos de xeito lexítimo, que os fieis lle pagaban á Igrexa para atender a subsistencia do culto e dos seus ministros. O décimo real era unha renda ordinaria dos monarcas e recibía o nome de décimos de mar ou décimos de portos secos, segundo estivesen instaladas as aduanas nos portos ou no interior. No caso do comercio americano existía o almoxarifado de Indias, consistente no 10% do valor da carga que transportasen os navíos. Entre os diversos tipos de décimos poden destacarse os prediais e os persoais. Os primeiros recaían en todos os habitantes do reino e gravaban os froitos ou produtos dos predios, rústicos ou urbanos, e distinguíanse entre maiores, menores, verdes, xerais e locais. Os décimos persoais só lles afectaban aos cristiáns, gravaban todos os produtos derivados da actividade industrial e comercial, as actividades das profesións liberais, as militares e os salarios en xeral. Os décimos teñen a súa orixe nun costume hebreo recollido no Antigo Testamento polo que o pobo contribuía ao sostemento dos levitas, costume que, recollido no Libro do Levítico, se converteu en precepto. Noutras culturas antigas, como a persa, existía como tributo fiscal que se lle pagaba ao Estado. Nos primeiros séculos do cristianismo, as necesidades dos relixiosos eran satisfeitas dun xeito voluntario polos fieis pero, co aumento dos gastos, a diminución das ofrendas espontáneas e a falta de dotación do culto polo Estado, propiciou que dende finais do s VI o tributo adquirise un carácter obrigatorio no Occidente cristián e se sancionase o incumprimento coa excomuñón. Os carolinxios recollérono na lexislación civil no s IX e, dende ese momento, convertido na principal fonte de ingresos da Igrexa, distribuíuse entre os titulares da diocese, o cabido da catedral, os beneficiados e as parroquias. Dende finais do s XI, a Igrexa católica emprendeu unha serie de reformas e iniciativas destinadas ao fortalecemento da propia institución, que tiveron continuidade no s XII e comezos do s XIII. Con este fin acrecentáronse os tributos e os décimos impuxéronse como unha obriga de dereito divino. Malia as críticas que sufriu durante a Reforma, o Concilio de Trento confirmouno como fonte de ingresos ata que, como consecuencia da desarmortización e do novo xénero de relacións económicas entre a Igrexa e o Estado, foron suprimidos da maioría dos países católicos; só subsistiron en países como o Reino Unido, Suecia e Dinamarca. Na Península Ibérica, o fenómeno da Reconquista provocou unha lenta implantación vinculada ao lento proceso de repoboación e de reorganización diocesana e parroquial. No caso de Galicia, a documentación demostra a existencia desta práctica dende comezos do s X, e deixa probas dos frecuentes conflitos que orixinou o seu cobro entre o campesiñado, que non os pagaba de bo grao, e entre os señores coa facenda real. Dentro da Igrexa, o monacato, que controlaba amplas zonas do mundo rural, disputáballes aos bispos a percepción deste tributo, e as abundantes igrexas propias fundadas por señores laicos facían que unha parte importante dos décimos fose parar á nobreza laica. Os monarcas, pola súa parte, trataron de aumentar os seus ingresos acaparando unha parte dos décimos para continuar as campañas de Reconquista. Posteriormente, os Reis Católicos e os seus sucesores conseguiron da Santa Sé unha participación nos décimos eclesiásticos, as tercias reais e a gracia do excusado e privilexios sobre as novas terras postas en cultivo, entre outros beneficios. O décimo suprimiuse como obriga legal civil en España pola Lei de 29 de xullo de 1837, e, aínda que esta non eximía da obriga relixiosa de pagalo, deixaron de satisfacerse e de cobrarse.
-
décimos persoais
Imposto universal que gravaba os cristiáns coa décima parte do valor de todos os produtos derivados da actividade industrial e comercial humana (os fornos, as canteiras, as minas ou os muíños), os diversos negocios e artesanados, as actividades das profesións liberais, as militares e os salarios en xeral. Considerábase unha carga persoal en razón da súa fe.
-
décimos prediais
Imposto universal que recaía sobre os froitos ou produtos dos predios, tanto rústicos coma urbanos. Denominábanse maiores, cando se referían aos das colleitas de maior produción; menores, cando gravaban os produtos que non constituían a principal produción do territorio; e verdes, cando se referían aos de froitos e legumes que se consumían verdes. Tamén se distinguía entre xerais, que se pagaban en todo o territorio (como o do trigo) e locais, que se pagaban só nalgunhas localidades (como o da herba). Deste xeito tributábase polos cereais, os legumes, os pastos, o viño, os froitos das árbores, o azucre, os peixes, o mel, o gando e os seus derivados, a caza, a madeira e demais produtos.
-
s
m
-
s
m
Décima parte dun billete de lotería.
Ex: Comprei un décimo polo Nadal pero non me tocou nada.