2 decorado -da
(< 1 decorar)
-
p reg
de decorar.
-
s
m
Acción e efecto de decorar.
Sinónimos: decoración. -
s
m
-
Conxunto de elementos que decoran.
-
[ESPECT]
Conxunto de elementos pitóricos, plásticos e arquitectónicos que configuran o espazo escénico no que se desenvolve a acción dramática. Entre os elementos que o conforman hai que destacar os panos, as bambolinas, os paneis e as construcións en metal, madeira e outros materiais. A escenografía, en tanto que arte e técnica de adornar a escena para figurar os mundos dramáticos, é a disciplina que se ocupa do seu estudo e realización. O deseño e a construción de decorados están relacionados coas orientacións estéticas do espectáculo, polo que se pode falar de decorados abstractos e figurativos; coas técnicas escenográficas empregadas, co que habería decorados pintados, construídos, colgantes, armados, simultáneos, permanentes ou semipermanentes e, finalmente, coa natureza dos mundos dramáticos recreados, polo que teriamos decorados de interior, de exterior e realistas. Fronte a unha concepción figurativa, propia dun teatro prenaturalista na que os decorados consistían en panos pintados, ou mimética, na que se quería recrear a realidade e que consagrou o teatro naturalista, tamén se desenvolveron outras propostas que colleron especial relevo a partir do teatro simbolista. Estas propostas exploraban outras posibilidades para que os decorados adquirisen unha significación nova, e nese sentido cómpre salientar os traballos que pintores como Pablo Picasso ou Henri Matisse realizaron para os Ballets Rusos de Sergej P. D’agilev ou os traballos de Adrà Gual e Sigfrido Burmann no apartado do teatro catalán e español. A evolución das artes escénicas foi engadindo novas funcións aos decorados, aínda que algunhas correntes escénicas máis centradas na exploración da centralidade do actor como elemento principal na comunicación teatral, prescinden do decorado, polo que se fala de decorado sonoro, creado por medio de efectos de son; decorado lumínico, no que os mundos se recrean a partir da iluminación, ou decorado verbal, no que os personaxes van describindo ou facendo simples referencias aos espacios e lugares onde transcorre a acción. O teatro grego prescindiu do decorado nos seus inicios, pero xa na época de Esquilo se empregaban teas pintadas sobre roletes xiratorios para ambientar as situacións. Co tempo, os obxectos e as máquinas empregadas nas representacións foron en aumento. Vitrubio recoñece decorados distintos para cada un dos xéneros do teatro romano: columnas, frontóns e estatuas para a traxedia, estancias privadas para a comedia e elementos da natureza para as sátiras. O teatro medieval europeo aproveitou nun principio certos espacios das igrexas, en especial o coro e o pórtico, mentres que as representacións ao aire libre desenvolveron un sistema de decorados simultáneos mediante carros aliñados que simulaban os espacios evocados, chamados loci ou mansións (Inferno, Paraíso, etc). Co Renacemento os panos de fondo ampliaron a perspectiva espacial. No s XVII, o teatro isabelino inglés e o teatro barroco español caracterizáronse por decorados esquemáticos e simbólicos que debían ser aclarados nos diálogos, fronte ao teatro clásico francés, que utilizaba decorados múltiples seguindo a tradición medieval e, logo, coa imposición da unidade de espacio, un único decorado que emulaba a fachada dun palacio. A influencia dos especialistas italianos como Andrea Sabatini, Sebastiano Serlio ou Giorgio Vasari enriqueceu enormemente os recursos escenográficos en toda Europa. Durante os s XVIII e XIX, seguiron a ser fundamentais os panos pintados alusivos ao espazo da acción, que neste último se renovaron co emprego do panorama (pano que se prolongaba en curva nas esquinas do escenario) e a iluminación de gas. Ademais, coa chegada do naturalismo, o decorado encheuse de mobles e adornos que tentaban representar a realidade coa maior fidelidade posible. O s XX caracterizouse pola experimentación das máis diversas concepcións de decorado. Coexisten propostas simbólicas, expresionistas, esquemáticas, abstractas, tridimensionais, simultaneístas ao modo medieval, espacios baleiros, etc.
-