decoración
(< decoratĭōne)
-
s
f
Acción e efecto de decorar.
-
s
f
Conxunto de elementos que se utilizan para decorar.
-
s
f
[DEC]
Actividade artística que ten como finalidade adornar obxectos ou edificios. O proceso decorativo amosa dúas tendencias antitéticas: unha xeométrica, baseada na disolución abstracta do motivo, e outra naturalista, propensa a incluír o motivo, ou parte del, no contexto dunha realidade descritiva ou narrativa. O termo decoración designa, sobre todo, o axuste de diferentes elementos para crear nun espazo un ambiente determinado. A decoración de interiores, mediante unha converxencia de factores, é o reflexo directo da cultura e do gusto de cada época. As casas de Hattusa, capital do imperio hitita, son o exemplo máis típico dunha estrutura arquitectónica antiga na que o espazo interior apuntaba unha posibilidade de articulación susceptible de ser concibida baixo o concepto moderno de decoración: os estores, as peles e os tecidos, ademais de modificar a estereotomía núa das paredes, respondían ás necesidades vitais e climatolóxicas dos habitantes das casas. A disposición axial aberta, estruturada por patios e xardíns, que presentan os edificos exipcios, facía que pasara a un segundo termo a ornamentación, reducida á policromía mural e a un rico mobiliario. No mundo romano, as paredes pintadas ao fresco ou á témpera, con paisaxes, arquitecturas ou escenas narrativas, tiveron un desenvolvemento descoñecido na arte grega. A decadencia europea provocada pola fragmentación do Imperio Romano repercutiu en todas as artes e, particularmente, na decoración que non volveu ter importancia ata a consolidación do poder feudal nos inicios do románico. Neste período comezou na casa particular a distinción ambiental segundo a función das estancias. Deste xeito, o cuarto central asumiu a representatividade social da familia. Esta distinción incrementouse no gótico cando a nova estrutura dos interiores, baseada na verticalidade, posibilitou unha gran riqueza decorativa. Proliferaron os tecidos, e os mobles reflectiron as suxestións da arquitectura. O gusto polos obxectos e o mobiliario precioso afianzouse no Renacemento e no Barroco. As paredes das casas burguesas decorábanse con ornamentacións xeométricas, pinturas narrativas ou con estatuaria exenta. No Barroco, a liberdade de planta introduciuse lentamente na construción privada, na que se renunciou á arquitectura pura en favor da decoración, que chegou a ser na maioría dos casos postiza. O vértice desta tendencia foi o rococó, cando a riquísima decoración acolleu materiais pobres doados de traballar de xeito artesanal. A reacción neoclásica foi de signo estilístico e pretendeu dotar os interiores dunha maior dignidade representativa, ao ampliar e unificar as proporcións. No s XIX, a posibilidade de facer referencia aos diversos estilos do pasado empregouse para diferenciar o tratamento dos interiores e dos exteriores. Naceu entón o concepto de estilo decorativo, independente da evolución arquitectónica. A raíz da Exposition Internationale des Arts Décoratifs et Industriels Modernes (París, 1925), comezou a definirse un estilo decorativo que predominou en toda Europa e nos EE UU ata os anos corenta denominado art déco. Este caracterizouse pola simplificación formal, pola adopción de suxestións de tipo orientalizante e de orixe cubista, polo uso de materiais sintéticos e polo cultivo de temas nos que dominaba o gusto pola velocidade e o futurismo. A decoración descansa no principio da rigorosa funcionalidade e da consecuente eliminación dos motivos superfluos, de xeito que a cualificación especial das paredes, nun tempo condicionada pola pintura e a plástica mural, vén determinada polas propias calidades plásticas ou de colorido dos elementos construtivos.
-
s
f
[ESPECT]
Conxunto de elementos que se empregan para crear o espazo no que se desenvolve unha representación teatral, unha película ou calquera outro espectáculo.
Sinónimos: escenografía.