Decroly, Ovide
Médico, psicólogo e pedagogo belga. En 1901 introduciu as concepcións da escola nova no seu país e, en 1907, fundou a Ècole de l’Ermitage (“escola para a vida e por medio da vida”). Provocou a reforma curricular de Bélxica (1936-1958) ao introducir novas concepcións pedagóxicas. Estas baseábanse na noción de centro de interese - sistema de coñecementos agrupados e interrelacionados que favorecían a motivación na aprendizaxe- e na resposta ás necesidades esenciais dos cativos, ao considerar que neles as funcións intelectuais operan seguindo unhas pautas de globalización. Creou os centros de interese, concibidos como escolas-laboratorio, nos que conflúen, a un tempo, coñecementos de distintas materias. Neste proceso de estudio, os cativos pasan por tres momentos distintos (observación, asociación e expresión) e desenvolven actividades cotiás para despois explicar as súas experiencias na clase. Para o ensino da lectura e da escritura propón un método ideovisual que parte de enunciados e palabras extraídas do mundo dos cativos para, posteriormente, chegar ao proceso de análise dos seus elementos (sílabas e letras). O. Decroly é unha das figuras máis influentes do movemento da escola nova, mesmo tamén no tratamento dos suxeitos con necesidades de educación especial. A Ècole de l’Ermitage e o seu laboratorio pedagóxico universitario foron visitados por bolseiros españois, varios deles galegos, baixo o impulso da Junta para la Ampliación de Estudios, e parte das súas experiencias pedagóxicas foron trasladadas a Galicia, sobre todo durante a Segunda República. De entre as súas obras destacan Les applications américains de la psychologie à l’organisation humaine et à l’éducation (1923), La fonction de globalisation et son application à l’enseignement (1929), Le développement du langage parlé chez l´enfant (1930) e Études de psychogenèse (1932).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Renaix -
Deceso
Lugar : Uccle