Deep Blue

Deep Blue

Ordenador construído por IBM e programado para xogar ao xadrez. En 1985, Feng-hsiung Hsu, Murray Campbell e Thomas Anantharaman, estudiantes de doutoramento da Carnegie Mellon University, empezaron o desenvolvemento dunha computadora para xogar ao xadrez. O froito do seu traballo foi un ordenador ao que chamaron Chiptest, co que acudiron por primeira vez a unha competición en novembro de 1986. O proxecto perfeccionouse de xeito que en maio de 1988 se presentou Deep Thought 0.01, un novo ordenador máis potente, que en novembro dese ano xa quedara anticuado, substituído por Deep Thought 0.02. En maio de 1989 Deep Thought obtivo o seu primeiro triunfo nun campionato e nese ano IBM contratou os creadores do proxecto. Daquela, a máquina, que xa vencera o ex-campión mundial Anatolij Karpov no transcurso dunhas simultáneas, enfrontouse por vez primeira ao vixente campión mundial, Garry Kasparov. O desafío xogouse a seis partidas; na primeira delas, o xogador soviético retirouse, aínda que finalmente se impuxo por 4-2. En maio de 1991 IBM presentou unha nova versión, Deep Thought II, que foi perfeccionado polo Deep Blue e presentado en febreiro de 1993. En maio de 1997 celebrouse en Nova York un novo enfrontamento a seis partidas entre a máquina (un enxeño de 1,4 toneladas que daquela era capaz de procesar 200 millóns de movementos por segundo) e Kasparov, que concluíu co triunfo de Deep Blue por 3,5 a 2,5 puntos (unha vitoria de Kasparov, tres táboas e dúas partidas gañadas polo ordenador). Despois da vitoria, IBM retirou a Deep Blue das competicións, malia que Kasparov insistiu na petición de desquite.

Palabras veciñas

Dee | Dee, John | deeitos | Deep Blue | Deer Hunter, The | deesis* | defecación