Defensa, La

Defensa, La

Semanario compostelán aparecido entre o 22 de novembro de 1913 e o 25 de abril do ano seguinte. Subtitulouse “Órgano del Partido Republicano de Santiago. Defensor de Compostela. Defensor de la clase obrera”. Dirixido por Xosé Pasín, concelleiro republicano e presidente da combativa Sociedad de Carpinteros, contaba coas seccións: “De sábado a sábado”, “Noticias y comentario”, “Del Ayuntamiento” e “Cuestiones Obreras”. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de La Comercial. Participou na redacción Xesús Posse, dirixente republicano, e o propio director, quen escribiu artigos co pseudónimo de Espartaco. O seu contido recolle moita información das sociedades obreiras de Santiago, así como as frecuentes polémicas que, en materia municipal, mantiveron os concelleiros republicanos Raimundo López Pol e o propio Pasín co grupo de goberno liberal encabezado polo alcalde Blanco Rivero. Redactado case que integramente en castelán, inseriu algunhas coplas políticas en galego.