Defensor de Galicia, El
Publicación de periodicidade trisemanal que apareceu na Coruña o 2 de outubro de 1856, e que cesou o 9 de decembro do mesmo ano. Dirixida por Ricardo Puente Brañas, contaba coa colaboración de Leandro Saralegui, Manuel Murguía, Antonio e Francisco de la Iglesia, Xosé López de la Vega, Aurelio Aguirre e Antonio de San Martín. Nun principio contou con imprenta propia e nos últimos números editouse nos obradoiros de Timoteo Pombo. Dividiuse nas seccións “Revista comercial de La Coruña”, “Correspondencia de Galicia”, “Sección doctrinal”, “Parte oficial”, “Noticias nacionales y extranjeras”, “Sección poética”, “Variedades”, “Gacetilla”, “Folletín” e “Anuncios”. Combinou as novidades sociais e políticas coa literatura, como demostra a aparición de poemas en castelán e galego, diversas entregas de narracións e lendas, e recensións de libros en galego de Vicetto ou do Ensayo de una historia literaria de Galicia, de Murguía.