defunto -ta
(< lat defunctu)
-
adx
Que carece de vida, referido especialmente a unha persoa.
Ex: Todos os membros defuntos da familia están soterrados no mesmo panteón.
-
s
Persoa morta. No mundo campesiño, cando hai unha defunción, dáse a coñecer a través dunha serie de toques de campá, que serán interpretados pola veciñanza. Desa maneira, segundo o número de combinacións, pódese saber se o falecido é un home, muller ou neno. Logo da defunción, adoitábase lavar o cadáver e amortallalo, pecharlle os ollos e vestilo co mellor traxe. Durante a noite, acompañaban o corpo os familiares, os veciños e os amigos. Ao día seguinte levábase ao cemiterio, acompañado dos seres queridos e das pranteiras. O respecto polos defuntos mantense na cultura tradicional, e a xente que ten familiares soterrados no cemiterio adoita limpar as sepulturas, adornalas con flores e acender lámpadas de aceite, como símbolo de vida. O día de todos os Santos (véspera do día de Defuntos) organizábase un magosto especial para eles no que se comían castañas cocidas e asadas no cemiterio e na casa, como manifestación da fe na vida eterna. No Nadal, deixábaselles comida enriba da mesa, pola noite, para que tamén participasen da festa.
Confrontacións: cadáver.