cadáver
(
-
s
m
[BIOL]
Corpo morto dunha persoa ou dun animal. Despois da morte, nun primeiro momento, hai unha parada das funcións vitais, seguida dunha serie de transformacións durante as primeiras horas (arrefriamento, rixidez, lividez, inicio da putrefacción); finalmente, ten lugar a descomposición do cadáver coa licuefacción das vísceras, a destrución por diferentes microorganismos e insectos necrófagos e a esqueletización. En determinadas circunstancias este curso normal pode sufrir modificacións, xa sexa por causas naturais (momificación, adipocira, corificación) ou por causas artificiais (embalsamamento). As lexislacións regulan o destino dos cadáveres (inhumación, incineración, etc) e o seu establecemento definitivo (sepultura), unha vez certificada legalmente a defunción e despois de transcorrer un tempo normal de observación (24 horas); sen embargo, en casos especiais, como os de morte violenta ou sospeitosa, se as actuacións xudiciais o esixen, os cadáveres custodiados polos servicios de medicina forense son obxecto dunha identificación xudicial, e mesmo dunha autopsia para determinar as causas da morte, despois, incluso do levantamento do cadáver. Tamén está regulado por lei o destino do cadáver para finalidades científicas, docentes ou cirúrxicas.
Ex: A persoa que tivo o accidente na autoestrada ingresou xa cadáver no hospital.
-
s
m
Persoa que presenta un aspecto pálido porque perdeu o seu bo estado físico.
Ex: Parecía un cadáver despois da súa longa e grave enfermidade.
-
cadáver exquisito
[LIT]
Xogo colectivo practicado polos escritores, pintores e debuxantes surrealistas, principalmente entre os anos 1925 e 1930, encamiñado á creación artística. Trátase dun exercicio no que se compón un escrito ou un debuxo entre varias persoas nun mesmo papel, dobrado para que ningún participante teña acceso ás colaboracións que o preceden ata o final, momento no que se descobre o conxunto e se valora o resultado. O xogo recibiu o seu nome da primeira frase obtida mediante esta técnica: Le cadavre exquis boira le vin nouveau. Baséase na libre asociación de ideas, o mesmo que a escritura automática, neste caso, colectiva, e supón, sobre todo, unha distracción mental que relega o xuízo crítico en favor da exploración das capacidades creativas do subconsciente, reivindicando o principio do pracer. Orientado á posta en común do pensamento colectivo, ilustra a fórmula de Lautréamont “La poésie sera faite par tous. Non par un”. Entre os seus cultivadores cóntanse André Breton, Paul Éluard, Louis Aragon, Joan Miró, Salvador Dalí, Eugenio Granell, Mário Cesariny, Pedro Oom ou Alexandre O’Neill, entre outros.