deísmo
(< lat Deus Dei ‘Deus’)
Doutrina relixiosa que recoñece a existencia dun deus persoal, principio e causa do Universo, pero que nega a súa ulterior influencia sobre o mundo e a posibilidade de revelación sobrenatural. Esta doutrina, aparecida en Inglaterra na segunda metade do s XVI, estendeuse a Francia, Alemaña e finalmente a toda Europa, e deu lugar a importantes debates relixiosos. En Alemaña tivo seguidores desde mediados do s XVIII e estivo representada pola escola wolfiana. O deísmo xurdiu da aplicación dos principios da crítica á relixión, como prolongación lóxica do proceso de cuestionamento que inauguraran os humanistas e reformadores protestantes. Debido ás críticas ás organizacións relixiosas e aos seus ataques á Biblia e á Igrexa, esta tendencia virou cara ao panteísmo e ao materialismo. Os argumentos anticlericais deístas permaneceron no racionalismo e no denominado librepensamento.