Delacroix, Ferdinand-Victor-Eugène

Delacroix, Ferdinand-Victor-Eugène

Pintor francés. Membro dunha familia de debuxantes e artesáns, parece que foi fillo natural de Talleyrand. En 1815 ingresou na École des Beuax-Arts, onde foi alumno de Pierre-Narcisse Guérin e compañeiro de Théodore Géricault. Ao mesmo tempo, acudía ao Musée du Louvre onde copiaba as obras dos grandes mestres. Foi o abandeirado do romanticismo pictórico francés e un fervente defensor da liberdade do artista fronte aos canons clasicistas: opúxose ao emprego do modelo, feito que contribuíu a que a súa obra, vigorosa e dinámica, fose a miúdo imperfecta. Estudiou a Il Veronese, buscou un equilibrio cromático baseado na complementariedade das cores e abriu o camiño a posteriores experiencias impresionistas e divisionistas. Baixo a influencia de Géricault cultivou a pintura de historia e pintou nun estilo similiar ao da súa obra Dante e Virgile (Dante e Virxilio, 1822), coñecida tamén como a Barca de Dante e que presentou no Salon dese ano. Realizou obras de temas de historia contemporánea inspirados na guerra de independencia de Grecia fronte aos turcos, entre os que destacan La massacre de Scio (A matanza de Quíos, 1824), La mort de Sardanapale (A morte de Sardanápalo) presentado no Salon de 1828, e La Grèce expirant sur les ruines de Missolonghi (Grecia expirando ante as ruínas de Missolonghi). Cultivou tamén a temática medieval, entre outras obras en La bataille de Nancy (A batalla de Nancy, 1831) e La prise de Constantinopla par les croisés (A toma de Constantinopla polos cruzados, 1841). No Louvre coñeceu a Bonington que o introduciu na pintura inglesa á acuarela e en 1825 estivo en Inglaterra, onde coñeceu, entre outros, a Gainsborough, Lawrence e Etty. En 1830 adheriuse aos que destronaron a Carlos X e pintou La liberté guidant le peuple (A liberdade guiando ao pobo), que presentou ao Salon de 1831. En 1832 acompañou o conde Charles de Mornay na súa viaxe a Marrocos e ao regresar difundiu a temática oriental en Europa: Femmes d’Alger (Mulleres de Alxer, 1834). Ao longo da súa vida realizou obras de inspiración literaria, entre as que destaca Ugolin et ses fils (Ugolino e os seus fillos, 1860). Ilustrou Fausto (1828) e Hamlet (1843). Cultivou tamén a decoración mural de carácter monumental. Traballou na decoración, entre outros, do Salon du Roi (1833-1837) e da biblioteca (1838-1847) do palacio Bourbon, na biblioteca do Senado do palacio Luxembourg (1841-1846) e na igrexa de Saint-Sulpice (1853-1861), onde realizou para a capela do Saints-Anges La lutte de Jacob avec l’ange (A loita de Xacobo co anxo), Héliodore chassé du temple (Heliodoro expulsado do templo) e Saint Michel terrassant le dragon (San Miguel abatendo o dragón). Fixo tamén escritos sobre arte e escribiu o seu diario que se publicou en 1893. En 1928 editáronse as súas cartas. Foi membro do Institut de France (1857).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Saint

  • Deceso

    Lugar : Maurice

  • Deceso

    Lugar : París