Delfín/Delfina
Antropónimo procedente do grego δελφίς ‘golfiño, arroaz’. Hai tamén quen opina que pode estar relacionado co termo delphys ‘útero’, por ser este cetáceo un animal mamífero, ou co antigo xentilicio Δελφίς ‘natural de Delfos’. O nome fíxose frecuente no S de Francia ao ser adoptado como título polos condes de Albon. Pouco despois, a rexión histórica que se estende desde o val do Rhône aos Alpes, centrada primeiramente na rexión de Vienne, pasou a denominarse Dauphiné (Delfinado). Cando no s XIV o Delfinado pasou á coroa francesa, déuselle o título de dauphin (delfín) ao herdeiro da coroa. Posteriormente, pasou a designar o presunto sucesor dun xefe de estado, dun magnate das finanzas ou dunha persoa poderosa. San Delfín (s IV), bispo de Bordeos, celébrase o 24 de decembro e santa Delfina de Glanderés (s XIV), beata franciscana, o 27 de novembro.