Delfos
Antiga cidade de Grecia, na Fócida, situada na ladeira meridional do Monte Parnaso. Os primeiros achados arqueolóxicos que se localizaron datan do s XIV a C, pero xa na época prehelénica se establecera o santuario e o oráculo da deusa Xea, chamado Pytón. Máis tarde substituíuse o culto desta deusa polo de Dionisio e Apolo; este último absorbeu a actividade oracular dende o s VII a C, cun complicado ritual no seu templo ao redor da sacerdotisa principal, Pitia, que profetizaba en estado de transo. Delfos integrouse na Liga Anfitiónica, que se ocupaba dos asuntos do goberno e da defensa do templo de Apolo e no 595 a C destruíu a cidade de Crisa na Primeira Guerra Sagrada. A partir do 582 a C celebráronse os xogos pitios cada catro anos. No 480 a C produciuse un ataque dos persas que foi rexeitado. A finais do s IV a C, a Liga Etolia fíxose co control de Delfos e no 355 a C sufriu o saqueo dos focenses, que foron derrotados no 346 por Filipo de Macedonia na Terceira Guerra Sagrada. Durante o helenismo sufriu numerosos ataques polas súas riquezas, como o dos celtas no 279 a C, e o seu poder declinou. Despois da conquista romana sufriu novos saqueos de Sila e Nerón, e finalmente o Emperador Constantino levou a maioría das obras de arte para Constantinopla. O Emperador Teodosio I pechou o oráculo no 390 d C. O recinto sagrado está rodeado por unha muralla e atravesado pola Vía Sacra, que chega ata o templo de Apolo, construído no s IV a C; trátase dun templo dórico, hexástilo e períptero. No conxunto consérvanse diversos tesouros entre os que destaca o dos Atenienses, dórico e próstilo. Entre as pezas arqueolóxicas localizadas destaca o Auriga de Delfos. A UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade en 1987.