Delgado Gurriarán, Florencio Manuel

Delgado Gurriarán, Florencio Manuel

Avogado e poeta. Licenciado en Dereito pola Universidad de Valladolid, residiu ata os dez anos na súa vila natal e logo en Ourense, Palencia e Valladolid. En 1928 regresou a Córgomo e exerceu como avogado no Barco de Valdeorras, á vez que comezou a colaborar con artigos e poemas no xornal Heraldo Orensano co pseudónimo Corgomófilo. Na Guerra Civil española trasladouse a Valladolid, logo a Portugal e a Francia, para máis tarde chegar á zona republicana española na que permaneceu ata a fin da guerra. En xullo de 1939 exiliouse a Guadalajara (México), onde traballou a prol da cultura galega promovendo diversas iniciativas, como a fundación da revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista ou o Ateneo de Galicia; ademais colaborou nos xornais Galicia, Heraldo de Galicia, Nova Galicia e Opinión Gallega. Tralo seu pasamento, as súas cinsas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo de 1987. Como poeta deu ao prelo Bebedeira (1934), un poemario vinculado á estética hilozoísta de Amado Carballo; Galicia infinda (1963), no que reuniu boa parte da súa obra poética de posguerra; Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981), que reúne as composicións xa inseridas en Bebedeira xunto a outras que titulou Valdeorresas e Dionisias; e O soño dun guieiro (1985), subtitulado Xeiras dun galeguista e dedicado a Castelao, co que acadou a Medalla Eduardo Pondal en 1975. Ademais encargouse, xunto con Plácido R. Castro e Luís Tobío Fernández, da selección e tradución ao galego dos poemas franceses incluídos no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño, de Paul Valéry.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Córgomo, Vilamartín de Valdeorras

  • Deceso

    Lugar : EE UU