Delgado Luaces, Patricio Valentín Sisto
Militar e escritor. Estudiou humanidades no seminario diocesano da súa vila natal e fixo carreira militar na que acadou o grao de capitán do VIIº Rexemento de Navarra na Terceira Guerra Carlista. En 1872 sufriu cadea no castelo de Santo Antón da Coruña e, posteriormente, exiliouse a Francia e Cuba, onde formou parte do consello de redacción da revista Follas Novas, na que inseriu colaboracións en castelán centradas en temas sociais e políticos e en figuras sobranceiras da historia de Galicia. Nesa mesma publicación deu a coñecer a novela A Besta! asinada co pseudónimo Xan de Masma. A obra publicouse por entregas entre o 29 de xaneiro e o 24 de decembro de 1899, a primeira parte, e entre o 7 de xaneiro de 1900 e o 30 de decembro dese mesmo ano, a segunda. Consta de catro partes: dúas pseudoensaísticas, o prólogo e o epílogo, nas que teoriza sobre o naturalismo incorporando postulados de Émile Zola e seus propios sobre o tema; e dúas propiamente narrativas, a primeira composta por catorce capítulos e a segunda, por nove. Esta novela considérase unha das mostras fundamentais de narrativa longa do Rexurdimento galego dos últimos anos do s XIX. Recuperouse en 1993 nunha edición realizada por Modesto Hermida e Carme Hermida.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Mondoñedo -
Deceso
Lugar : Cuba