Delhi

Delhi

Cidade da India e capital do territorio de Delhi, situada na marxe occidental do río Yamunā, afluente do Ganxes (7.206.704 h [1991]). É o centro das rutas comerciais que unen os vales dos ríos Ganxes e Indo, e as costas do mar de Arabia coas rexións do Himalaia e de Afganistán. Conservou as tradicións artesanais que consistían principalmente no traballo do ouro, o marfil, a prata e os bordados, xunto ás novas industrias, como as manufacturas de algodón, a cerámica, o vidro, os produtos químicos, a fariña e os materiais de construción. Malia este proceso de industrialización, o nivel de pobreza é moi elevado entre a poboación polo que o goberno ten promovido dende 1991 unha serie de medidas económicas, como as reformas da produción e do comercio, orientadas a resolver ese problema. Fundada no s I, os musulmáns ocupárona en 1193 e converteuse na capital dun extenso sultanato. Destruída por Tamerlán en 1398, foi reconstruída en 1639 e converteuse no centro do Imperio Hindú (o Imperio Mongol da India). No s XVIII conquistárona os iranios (1739), os afgáns (1756) e os ingleses (1761), que a ocuparon entre 1803 e 1857, data na que os sipaios sublevados a converteron temporalmente na súa capital. En 1912 foi a capital da India británica, pero en 1931 a administración trasladouse á parte nova ou Nova Delhi. Do seu patrimonio cultural destacan da época musulmá o Qu ṭ b Minār (1226), de 72 m de altura; e da época mongol o Forte Vermello (1639-1647), a Gran Mesquita (1644-1658), a tumba de Humūm (1564) e a mesquita da Perla (1660).