Delhi

Delhi

Sultanato musulmán fundado por Mu’izzuddín Mu ḥ ammad de Gur, caudillo dun dos grupos de invasores musulmáns de orixe turco-afgana, que se fixo co Punjab, irrompeu na India, derrotou as forzas do soberano hindú de Delhi, Rai Prithwiraj, na Batalla de Taraori (1192) e tomou Ajmer. No 1193 un dos seus xenerais, Qutb al-Dīn Aybak, tomou Vārānasi e Delhi e, despois do asasinato de Mu’izzuddín Mu ḥ ammad de Gur, converteuse no primeiro sultán de Delhi (1206). Qutb al-Dīn Aybak iniciou a denominada dinastía dos reis escravos, que constituíu o núcleo do sultanato de Delhi. Sucedeuno Shamsuddín Iltutmish (1211-1236), que fundou a dinastía turca Ilbarí (1211-1290) e durante o seu goberno estendeu o sultanato mediante diversas conquistas. A súa filla Radiyya (1236-1240) sucedeuno no poder e durante o seu goberno, o da primeira sultá do Islam, produciuse un período de esplendor das artes e da cultura que se estendeu ao longo dos ss XIII e XIV coas dinastías Khiljis (1290-1320) e os Tugluq (1320-1412), que fixeron do sultanato de Delhi o centro de poder máis importante da India setentrional. A resistencia hindú á islamización do sultanato centrouse nos estados de Orissā, Pandya e Vijayanagar. Coa aparición de diversos territorios independentes no Deccan, Bengala e Kashmir, iniciouse o declive do sultanato e a invasión de Tamerlán (1398) puxo fin á dinastía Tugluq e á independencia do sultanato. Malia todo, a convivencia entre hindús e musulmáns fortaleceuse nos ss XIV e XV, dando orixe a unha notable arquitectura e literatura. Ao redor de 1504, o sultán afgán, Sikandar Lodi, estableceu unha nova dinastía, a dos Lodi, cunha nova capital en Agra. Esta dinastía rematou cando o seu sucesor, Ibrahim Lodi, foi derrotado polo caudillo Zahiruddin Mu ḥ ammad (1482-1530), coñecido como Babur, na Primeira Batalla de Panipat, preto de Delhi, no 1526, e estableceu as bases do Imperio Hindú ou Imperio Mongol da India.