Delos
Illa do arquipélago das Cícladas, Grecia, situada entre Míkonos e Síros, cunha extensión de 3 km2. A base da súa economía é a agricultura e a pesca. Habitada xa na época micénica, converteuse máis tarde no centro relixioso dos xonios, que puideron formar unha anfitionía ao seu redor. Sometida ao protectorado de Samos ao redor do 600 a C, experimentou uns anos de decadencia durante as Guerras Médicas (500 a C - 479 a C). No 478 a C os pobos xónicos constituíronse na Liga de Delos, dirixida por Atenas, que a converteu na capital da Liga (470 a C). A illa, que pasou a depender de Atenas, liberouse durante as Guerras do Peloponeso pero foi sometida de novo, logo da formación dunha nova Liga (377 a C). Recuperou a súa independencia (315 a C) coa axuda de Antígono I Monoftalmos e encabezou a Liga dos nesiotas, formada polos habitantes das Cícladas que se liberaran do dominio de Atenas. Formalmente conservou a independencia, contando coa protección da dinastía dos Láxidas de Exipto e dos monarcas de Macedonia, ata o 166, ano no que o Senado romano lles entregou a illa aos atenienses coa concesión dun porto franco. Durante o s II a C, a illa acadou unha gran prosperidade comercial, sostida polo comercio de escravos e trigo e, despois da caída de Corinto, absorbeu parte do seu tráfico comercial. Iniciou a súa decadencia tralo saqueo da cidade no ano 88 a C, por un xeneral de Mitrídates durante as súas loitas contra Roma e polos piratas no 69-68 a C. A extensión comercial de Ostia e Pozzuoli, na península italiana, xunto coa reconstrución de Corinto e a desaparición do seu porto pola acumulación de sedimentos a comezos do Imperio, orixinou a súa fin. Entre os monumentos da Antigüidade que se conservan destacan a ágora de finais do s II a C; o gran templo dedicado a Apolo, períptero e dórico; a terraza dos leóns; o teatro; o templo dórico dedicado a Isis do s II a C; o templo de Hera do s V a C; e a casa de Dionisio. A UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade en 1990.