Demifonte
Demifonte
[MIT]
Rei da cidade de Eleunte, na península de Gallipoli. Por mor dun andazo, o oráculo encargoulle inmolar unha moza nobre anualmente, escollida ao chou. Pero como sempre libraba as súas propias fillas do sorteo, un nobre chamado Mastusio negouse a cederlle as súas. Demifonte, anoxado, matou unha das fillas do nobre sen sometela a escolla ningunha; Mastusio, en vinganza, asasinou as fillas do rei, mesturou o seu sangue co viño nunha crátera e deulla a beber a Demifonte. Cando este se decatou do engano, guindou a Mastusio e mais a copa ao mar. Dende aquela este mar coñécese como o mar de Mastusio e o porto co nome de Crátera.