democracia
(< grδημοκρατία ‘goberno do pobo’)
-
[POLÍT]
-
s
f
Doutrina política que defende a intervención do pobo no goberno e na elección dos gobernantes. O termo democracia xurdiu na Grecia antiga no s V a C como un sistema político no que o poder do goberno ou kratia era detentado e exercido polo pobo, en contraposición a outras formas exclusivas de goberno como a aristocracia, a plutocracia ou a oligarquía. En Roma, a forma de goberno democrática consolidouse varios séculos, pero foi subsituída pola proclamación do Imperio, aínda que a civilización romana achegou unha tradición republicana baseada na soberanía popular sobre os asuntos públicos, que se expresaría no medievo no Dixesto. As bases da democracia moderna establecéronse en Inglaterra no s XVII. A promulgación da Bill of Rights (1688) e as formulacións teóricas de Locke ou Hobbes, debuxaron un estado derivado dunha convención entre os homes libres que acordaron entre si a formación dunha entidade capaz de garantir os seus dereitos. Montesquieu, Rousseau e outros pensadores fixeron novas achegas teóricas coa definición da separación de poderes e o establecemento do estado-nación pola soberanía popular. Reflexo desta nova idea da teoría política foi a promulgación da Constitución francesa de 1791 coa Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. Durante os ss XIX e XX a idea de democracia estivo asociada ao constitucionalismo liberal, expresado por Constant, Tocqueville e John Stuart Mill, e ao parlamentarismo. Definiuse pola igualdade dos cidadáns diante da lei, a responsabilidade do goberno respecto ao electorado, o sufraxio universal, as eleccións periódicas, o sistema de partidos políticos e o recoñecemento dunha serie de liberdades civís (expresión, reunión, prensa, relixión). Tamén se realizaron estudios da democracia desde o socialismo (Marx, Engels, Gramsci) e o elitismo (Mosca, Pareto). No s XX o estudo da democracia centrouse nas condicións de desenvolvemento do sistema democrático fronte aos sistemas autoritarios e na difusión da cultura política democrática e participativa.
-
democracia cristiá
Conxunto de movementos, partidos políticos e sindicatos que poñen ao servizo da democracia a doutrina dos Evanxeos. Xurdiu como un intento de reconciliar o cristianismo co novo mundo xurdido da Revolución Francesa e liberar a Igrexa do seu compromiso co Antigo Réxime. Definiu unha ideoloxía que combinaba a concepción católica de xustiza social coas ideas liberais sobre a democracia política. As raíces atópanse en dous movementos paralelos, pero distintos, de mediados do s XIX: o catolicismo liberal e o catolicismo social. Trala oposición de diversos pontífices, Pío IX, León XIII e Pío X, á creación dun partido democratacristián, desde o papado de Benedic22to XV xurdiron os primeiros partidos: Luigi Sturzo fundou o Partito Popolare Italiano (1918), antecedente da democracia cristiá actual (Partito Democrazia Cristiana). Máis tarde apareceron o Parti Démocrate Populaire (1924) (Mouvement Républicain Populaire), a Unió Democràtica de Catalunya (UDC, 1931) e a Falange Nacional Chilena (1938; desde 1957, Partido Demócrata Cristiano). No período de entreguerras, os antigos inimigos liberais e reformistas convertéronse en aliados para impedir o avance do comunismo. Trala Segunda Guerra Mundial, os partidos democratacristiáns convertéronse nos interlocutores políticos idóneos para a aplicación do proxecto norteamericano de reconversión das estruturas políticas e económicas europeas, no marco da Guerra Fría, polo seu anticomunismo e a súa base social interclasista. Así, acadaron maiorías nos Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, República Federal de Alemaña, Austria e Italia, e minorías importantes en Francia, Suíza e Noruega, con políticos relevantes na construción política de Europa, como Schuman, de Gasperi ou Adenauer. Durante os anos sesenta, a democracia cristiá tivo unha gran difusión en América Latina (Chile, Venezuela, Perú, Brasil e Uruguay). Nas décadas dos setenta e oitenta, a instauración de ditaduras militares en moitos destes estados e a incidencia da crise económica provocaron a anulación ou o debilitamento dos principais partidos democratacristiáns. En Europa, as formacións políticas desta filiación mantiveron unha presenza notable en moitos estados (República Federal de Alemaña, Bélxica, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Suíza e Noruega). En España, antes da Guerra Civil, a democracia cristiá estivo representada pola Acción Popular do cardeal Herrera Oria. Durante o franquismo desenvolvéronse grupos clandestinos de orientación democratacristiá (Izquierda Demócrata Cristiana, Democracia Social Cristiana, en 1975 Federación Popular Democrática) que, ao final dos anos sesenta se integraron, xunto ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) e á Unió Democràtica de Catalunya (UDC), no Equipo Demócrata Cristiano. Para as eleccións de 1977, o sector máis progresista do movemento uniuse á Federación de la Democracia Cristiana, mentres que o sector máis conservador se integrou na nova Unión de Centro Democrático (UCD). Trala crise da UCD (1982), os democratacristiáns integráronse no Partido Demócrata Popular (PDP), disolto en 1989 e asimilado ao Partido Popular (PP). Paralelamente, o PNV consolidouse en Euskadi, e a UDC, coaligada con Convergència Democràtica de Catalunya formalizou Convergència i Unió, formación hexemónica en Catalunya. En Galicia, o movemento democratacristián xurdiu nos círculos católicos, no mundo urbano, e nos sindicatos agrícolas católicos, pero non tivo unha sólida implantación nas cidades, feito que se explica polo paternalismo dos seus dirixentes alleos á clase obreira e polo ton moderado das súas reivindicacións. No agro, o sindicalismo católico tivo un forte predicamento a partir de 1918 e durante a década seguinte inspirando o agrarismo confesional, que foi esvaecendo durante a República. A Unión Regional de Derechas tivo maior implantación nas provincias occidentais, ata ata que conseguiu nove deputados nas eleccións de 1931. Trala ditadura, o Partido Popular Galego naceu en maio de 1976 como resultado da confluencia de dous partidos democratacristiáns que xurdiran a finais de 1975: Unión Democrática de Galicia, liderada por Xaime Isla Couto, en Vigo, e Esquerda Democrática Galega, organizada por Fernando García Agudín, na Coruña. O seu illamento político, pois non formou parte nin da Táboa Democrática de Galicia nin do Consello de Forzas Políticas Galegas, a súa incapacidade para superar a propia marxinalidade e as discrepancias entre os seus dirixentes provocaron a súa disolución en 1977.
-
democracia directa
Sistema político no que o pobo exerce a soberanía sen a intervención dun organismo representativo. O pobo intervén directamente, non só na elección dos cargos, senón tamén en tarefas lexislativas e executivas a través de asembleas, como sucedeu nas polis gregas, logo recuperadas por Rousseau. As características económicas, sociais, territoriais e demográficas do moderno estado-nación fan imposible o desenvolvemento da democracia directa, aínda que se deseñan determinadas fórmulas para a participación dos cidadáns na toma de decisións, como son as asembleas directas, onde o corpo electoral discute e adopta decisións, como os Landsgemeinden (“asembleas comunais”) suízos, ou nas asembleas de veciños, como o réxime de concello aberto en España, para municipios cunha poboación inferior a cen habitantes.
-
democracia orgánica
Sistema político no que a expresión da vontade popular se canaliza por medio de agrupacións naturais das persoas nos seus ámbitos de relación básicos: a familia (marco primario de desenvolvemento social), o municipio (espacio fundamental de convivencia) e o sindicato (entendido como asociación de produtores). Foi o réxime político vixente en España dende a aprobación do Fuero de los Españoles (17.7.1945) ata a promulgación da Ley de Reforma Política (4.1.1976).
-
democracia política
Conxunto lexislativo e constitucional que asegure o libre exercicio das liberdades políticas, entre outras, as de asociación, de expresión e de reunión.
-
democracia popular
Réxime político establecido ao final da Segunda Guerra Mundial en diversos estados do leste e do surleste de Europa. Creouse baixo a dirección dos partidos comunistas como unha forma estatal no período de transición do capitalismo ao socialismo e como unha modalidade da ditadura do proletariado. Caracterízase pola socialización dos medios de produción, a planificación social e económica centralizada e o monopolio do poder en mans dunha elite do partido comunista.
-
democracia representativa
Sistema político no que o pobo exerce a soberanía mediante a elección periódica polo corpo electoral dos órganos representativos. O pobo elixe os seus gobernantes a través das eleccións políticas e estes represéntano nas tarefas gobernativas. O sistema impera, trala Segunda Guerra Mundial e a descolonización, na maioría de estados democráticos dos cinco continentes.
-
s
f
-
s
f
País cun sistema de goberno democrático.
Ex: As democracias de Europa Occidental son un modelo para outros países.
-
s
f
Sistema de participación de todos os membros dunha organización na toma de decisións.
Ex: Na asociación non hai democracia e faise o que di o presidente.
-
democracia de masa
[SOCIOL]
Tipo moderno de democracia, no que a intervención do pobo no goberno é fundamentalmente despersonalizada, a través do exercicio do voto. Tanto os grupos de presión e organización de partidos, como os medios de comunicación de masas e outros factores semellantes, condicionan, e incluso manipulan de tal maneira a opinión pública que se chega a non discernir convicións nin comportamentos persoais.
-
Exercicio do poder nunha empresa polos traballadores e os seus representantes, reflectido na toma de decisións que afecten o seu lugar de traballo e o sistema organizativo.
Refráns
- Ben parvo é o que coida que a xente é boba.
- Cando todos che digan que es burro, ornea.
- Voz do pobo, voz de Deus.