2 demo
(< gr δῆμος ‘pobo’)
-
[HIST]
Conxunto de cidadáns dunha polis grega rexidos por uns mesmos dereitos. En Atenas a reforma de Clístenes (506 a C) dividiu a poboación en cen demos (δῆμοι) que, posteriormente, aumentaron ata cento setenta e catro. O demo (δῆμος) estaba asociado a unha porción de terreo da polis, xa fose rural ou urbana, e tiña unha fisionomía social, política ou relixiosa de seu. Cada un deles estaba gobernado por un demarca, nomeado anualmente, que administraba os asuntos locais. A través dos demos elixíanse, tamén, os cargos públicos da cidade, cofeccionábanse as listas de recrutamento e canalizábanse os impostos.
-
[ECOL]
Conxunto de individuos dunha poboación que forman un colectivo reprodutor local. É unha subpoboación suficientemente pequena para permitir que se produzan diferencias xenéticas con outras a través do proceso non selectivo de deriva xenética, pero que non está totalmente illada como para impedir o intercambio xénico nin a introdución de variabilidade xenética nova.