Deng Xiaoping

Deng Xiaoping

Político chinés. Estudiou en Francia (1921-1924) e na URSS (1925-1926). De regreso a China, colaborou na fundación do Exército Vermello (1929) e participou na Longa Marcha (1934-1935). Na Segunda Guerra Mundial integrouse, como oficial político, no exército que se enfrontou ás tropas xaponesas. Logo do establecemento da República Popular de China, o 1 de outubro de 1949, accedeu aos cargos de viceprimeiro ministro do Consello de Estado (1952), secretario xeral do Comité Central do Partido Comunista Chinés (1954) e membro do Politburó (1955). Durante a Revolución Cultural (1966-1969) sufriu duras críticas, foi cesado dos seus cargos e desapareceu da vida política. No 1973 volveu á política e, coa axuda do primeiro ministro Zhou Enlai, foi nomeado membro do Politburó (1974-1976) e viceprimeiro ministro (1975-1976). Despois da morte de Mao Zedong (1976) foi nomeado de novo viceprimeiro ministro (1977-1980) e dirixiu a desmaoización do país, que se iniciou co Proceso de Pequín contra os sectores máis radicais do Partido Comunista Chinés (1980-1981). No 1981 accedeu á presidencia da Comisión Militar Central e do Comité Consultivo Central do Partido Comunista Chinés. Dende esta posición dirixiu e inspirou as reformas da economía que, a partir de 1984, permitiron a introdución dun modelo mixto no país. En decembro de 1984, baixo a súa dirección diplomática, asinouse co Reino Unido a declaración sobre a devolución de Hong Kong á soberanía chinesa. En outubro de 1992, no XIV Congreso do Partido, adoptouse como sistema económico oficial a economía socialista de mercado como froito das transformacións económicas realizadas por Deng. Nese mesmo ano, o presidente Yang Shangkun obrigouno a ceder a presidencia da Comisión Militar Central.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Guangyuan, Sichuan

  • Deceso

    Lugar : Pequín