Denís I de Portugal
Rei de Portugal (1279-1325), fillo de Afonso III o Boloñés e de Beatriz de Guillén (filla de Afonso X o Sabio). Coñecido como don Denís, subiu ao trono despois da morte do seu pai e casou con Isabel de Aragón, a Raíña Santa (1282). Durante o seu goberno proseguiu o proceso centralizador iniciado polo seu pai e reforzou o poder real fronte ao da nobreza, que realizara numerosas usurpacións do patrimonio rexio, mediante a ordenación de sucesivas inquirições (1284-1307). Para defender a autoridade da Coroa e as posesións reais interveu nos gobernos locais, introducindo homes da súa confianza nos postos de poder das cidades e limitou a acumulación de terras pola Igrexa, con tres leis de desamortización (1286, 1291 e 1292). Ao mesmo tempo normalizou a situación do reino fronte ao papado coa firma de dous concordatos (1289 e 1290). A mellora das relacións co Papa Nicolao IV (1288-1292) permitiu o establecemento da Universidade portuguesa (1.3.1290), con sede flutuante entre Lisboa e Coimbra nun principio, e transferida a Coimbra no 1308. Xunto coa consolidación do poder real emprendeu un conxunto de medidas, como o desenvolvemento das actividades agrícolas (construción de canais, distribución de terras aos colonos e plantacións de bosques) e pesqueiras (mediante a promoción da construción naval), a defensa das feiras e da actividade comercial cos portos de Flandres e Inglaterra ou a elaboración dun conxunto de leis homoxéneas que permitiron a reorganización, unificación e modernización da administración do reino. Dentro das medidas encamiñadas a estender a súa autoridade inclúese a consolidación das fronteiras nacionais, coa reconstrución de castelos e fortalezas que asegurasen o territorio. No 1297 asinou o Tratado de Alcañices con Castela, no que se fixaron as fronteiras co Reino de Castela e no que Portugal incorporou as prazas alentexanas próximas ao Guadiana (Sabugal, Almeida e Castelo Rodrigo). No 1318 creou a orde de Cristo, de carácter relixioso-militar, que herdou as posesións dos templarios e foi confirmada polo Papa Xoán XXII (1319). Loitou co seu irmán, o infante Afonso, en sucesivas ocasións (1281,1287 e 1299). Nos últimos anos do seu goberno desencadeouse unha Guerra Civil (1319-1324), motivada polo descontento da nobreza señorial ante a política centralizadora do monarca e o resentimento do seu primoxénito -o futuro Rei Afonso IV- ante o favoritismo do rei polo seu fillo Afonso Sanches. O conflito rematou co exilio deste último a Castela, pero a nobreza non conseguiu que o monarca renunciase ao exercicio da política centralizadora, que continuou despois Afonso IV. Nos dominios lingüístico, cultural e literario, desempeñou en Portugal un papel equiparable ao que tivera en Castela o seu avó, Afonso X o Sabio. Foi un dos trobadores máis fecundos da lírica galego-portuguesa medieval; atribúenselle 138 composicións, entre cantigas de amigo, de amor e satíricas. Emprendeu unha política cultural que desembocou na aparición de novos xéneros na literatura portuguesa (en particular, a historiografía e os “livros de linhagens”, que continuou outro dos seus fillos, Pedro, conde de Barcelos, froito das súas aventuras amorosas con Gracia Froiás e que foi tamén trobador e mecenas) e na tradución ao portugués de abondosos textos históricos e xurídicos latinos e árabes (entre eles, a Crónica do Mouro Rasis, as Sete Partidas de Afonso X ou Geografia de Razis), así como na disposición do uso exclusivo da lingua vulgar portuguesa para todos os documentos xurídicos, ata daquela redactados habitualmente en latín. Herdeiro dunha rica tradición cultural, os vínculos familiares permitiron que se relacionase con varias cortes onde o cultivo da poesía era de grande importancia. Por un lado, na corte do seu avó, Afonso X o Sabio, houbo un ambiente propicio para o desenvolvemento da actividade poética de moitos trobadores, tanto peninsulares, coma provenzais. Por outro lado, o seu pai, ademais de desempeñar un importante labor de mecenado para un bo número de poetas, visitara a corte de Francia entre 1227 e 1245, e casara en primeiras nupcias en 1328 coa condesa Matilde de Boulogne. Esta estancia permitiulle a Afonso III contactar con algúns dos trouvères máis coñecidos (como Moniot d’Arras ou Thibaut de Champagne), así como coa literatura artúrica (en particular, co ciclo da Post-Vulgata); ademais debeu ser un factor determinante na educación do seu fillo, que confiou, entre outros, a Aimeric d’Ebrard. Por último, o matrimonio con Isabel de Aragón enriqueceu, aínda máis, a herdanza cultural que recibiu, pois permitiu que se relacionase, dun lado, coa corte de Pedro III de Aragón o Grande (o seu sogro), onde a lingua e a poesía provenzais foran adoptadas e cultivadas con intensidade, e, doutro, coa de Federico II (avó da súa sogra, Constanza Stauffen, e curmán de Afonso X), personaxe que congregara ao seu redor, en Sicilia, un nutrido grupo de funcionarios que escribían poesías e que integrarían a chamada “escola siciliana”. A súa corte constitúe o último gran reduto da tradición lírica galego-portuguesa; nela desenvolveron a súa actividade os seus fillos, Afonso Sanchez e Pedro, así como un bo número de trobadores, xograres e segreis da poesía galega e portuguesa medieval (Estevan Coelho, Fernan Rodriguez Redondo, Martin Perez Alvin), entre os que se contan tamén algúns que iniciaran o seu labor xa en tempos de Afonso III o Boloñés (Estevan Reimondo, Johan Perez d’Aboim, Johan Velho de Pedrogaez, Men Rodriguez de Briteiros, Pero Mendiz da Fonseca, Rodrigu’Eanes Redondo ou Gonçalo Garcia) ou que o continuaran nas cortes de Afonso IV ou do conde de Barcelos (Estevan da Guarda e Johan de Gaia). Aínda que Duarte Nunes de Leão, erudito portugués do s XVII, fala da existencia dun cancioneiro de don Denís dedicado á Virxe, só se ten constancia dunha intensa actividade do rei como poeta profano, feito que o converte no máis prolífico dos trobadores galego-portugueses. O Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V) conservaron 137 textos da súa autoría, pois a cantiga “Pero muito amo, muito non desejo”, transmitida baixo o seu nome, é en realidade unha interpolación tardía. A clasificación por xéneros desas composicións revela que 73 son cantigas de amor, 51 de amigo, 10 de escarnio e maldicir; outras tres, copiadas no sector correspondente ás cantigas de amor, presentan elementos propios das pastorelas (aínda que só unha delas, “Vi oj’ eu cantar d’ amor”, podería ser considerada como tal en sentido estricto). A disposición destes textos nos cancioneiros mostra unha peculiaridade que fixo pensar que procederían dunha colección individual (Liederbuch), talvez o Livro das Trovas d’ el-rei dom Denis rexistrado no catálogo da biblioteca de don Duarte, pois as composicións colócanse nos códices quiñentistas e rompen a coñecida separación por xéneros que presidía a súa organización; así, as cantigas de amor e de amigo de don Denís copiáronse na parte final da sección que os cancioneiros destinan ás cantigas de amor, xusto na zona na que está a produción de trobadores reis e fillos de reis, entre a obra de Afonso X e de Afonso XI. Un resto daquel cancioneiro individual podería ser o Pergamiño Sharrer -descuberto no Arquivo da Torre do Tombo con seis cantigas de amor e o comezo doutra-, aínda que este tamén podería ser un folio dunha antoloxía colectiva; en calquera caso é o testemuño máis antigo da súa obra, o único que contén a notación musical, e é probable que fose copiado no scriptorium do propio rei. A súa obra caracterízase polo gran coñecemento da lírica provenzal e, en xeral, das manifestacións literarias de oc e de oïl. Por esta razón, pretende demostrar todo o seu saber e a súa capacidade para innovar adaptando todo aquilo que forma parte do legado que recibe (a tradición galorrománica e a galego-portuguesa). Un dos modelos constantemente reevocados nas súas composicións é Bernart de Ventadorn. Este coñecemento da lírica occitana reflíctese nas composicións “Quer’ eu em maneira de proençal” e “Proençaes soen mui bem trobar”, cantiga esta última coa que, sen embargo, pretende desmarcarse da tradición provenzal ao reinvindicar a sinceridade do canto poético con independencia da estación primaveral á que os trobadors vinculaban o acto compositivo: Proençaes soen mui bem trobar/e dizem eles que é con amor;/mais os que trobam no tempo da flor/e nom em outro, sei eu bem que nom/am tan gram coita no seu coraçom/qual m’ eu por mha senhor vejo levar (vv 1-6). De todos os xeitos, só a influencia provenzal permitiría explicar certos trazos singulares da obra do monarca. Así, a introdución do papagaio en actitude dialogante na cantiga “Unha pastor bem talhada” (con elementos característicos da pastorela provenzal) podería vir determinada polo coñecemento das Novas del papagai, relato occitano atribuído a Arnaut de Carcassés. Outra das composicións que presenta concomitancias coa pastorela galorrománica, “Unha pastor se queixava”, presenta unha pastor que chorava e dizia, conectando dous motivos que están presentes na pastorela “L’autrier cavalcava” de Gui d’Ussel. Por outro lado, o carácter popularizante da cantiga de amigo “Ai flores, ai flores do verde pino” (na que a invocación a un elemento da natureza para pedir noticias do ser amado podería relacionarse con composicións de Martin Codax) vese contrarrestado polo carácter culto da alusión ás flores do verde pino, que poderían ser o resultado da imitación da lectura errada flors dels bes pis (en lugar de flors d’albespis), transmitida polo cancioneiro R (Chansonnier d’Urfé) para o sexto verso da canción “Lanquan li jorn son lonc en mai” de Jaufré Rudel. O coñecemento da canción rudeliana vén confirmado, ademais, pola cantiga amorosa “Pero que eu mui long’estou” na que o trobador desenvolve o motivo da distancia dos namorados e emprega con mestría a técnica do dobre. A familiaridade coas literaturas ultrapirenaicas, en particular coa tradición de oïl, permitiría explicar a adaptación da canción de malmaridada no seu texto “Quisera vosco falar de grado”. Don Denís presenta nas súas cantigas -para as que probablemente tamén compuxo el mesmo a música- unha completa síntese da tradición poética na que se formou. A súa produción ocupa un lugar relevante na tradición galego-portuguesa, pois representa un compendio dos motivos temáticos e dos recursos métricos e retóricos da lírica medieval. Nas súas cantigas de amor dálles cabida aos motivos máis frecuentes do xénero como a vasalaxe amorosa, a loanza da dama, a magnitude do amor do poeta e, sobre todo, a coita. Na cantiga de amigo concédelle unha especial relevancia ao frecuente motivo da separación dos namorados, debuxando as causas e consecuencias da soidade da amiga, pero mostra tamén unha notable habilidade poética ao aproveitar todos os recursos que o xénero lle ofrecía e ao utilizar maxistralmente o dialoxismo, favorecido pola posibilidade de poñer en boca dunha muller a expresión de sentimentos ou actitudes que responden aos expresados polo mesmo trobador nas cantigas de amor. Existen, en efecto, entre as súas cantigas de amigo, textos que se configuran como o reverso da cantiga de amor, nos que a namorada expresa reaccións e sentimentos que responden ás declaracións ou actitudes do amigo na poesía cortés. Os xogos de escarnio que cultiva na súa produción satírica son tan rebuscados que a crítica tivo serias dificultades para interpretalos correctamente; xulgados habitualmente como inocentes e inofensivos, os seus escarnios -dirixidos na súa maior parte a individuos concretos, como o satirizado Joan Bolo- agochan, a través da aequivocatio, unha crítica mordaz. Así mesmo, destacan numerosos textos doutros trobadores que cita ou aos que alude (Estevan Travanca, Johan Airas ou Afonso X), de xeito que se configura unha complexa rede de relacións intertextuais. Neste sentido, destaca a peza “Levantou-s’ a velida”, que, ademais de remitir a unha cantiga de Pero Meogo, se relaciona intertextualmente a través do polisémico rimante alva (presente nos dous versos do refrán) coa cantiga mariana de loor “Virgen Madre groriosa” -na que Afonso X integra como palavra-rima o termo alva-, que reproduce o esquema métrico da alba provenzal “S’anc fui belha ni prezada” de Cadenet. No relativo aos recursos formais, recapitula as estruturas estróficas, métricas e rítmicas da lírica galego-portuguesa nas súas máis variadas vertentes, pois segue no seu cancioneiro as tendencias maioritarias da lírica galego-portuguesa: o modelo compositivo predominante é o das cantigas de refrán, a combinación estrófica máis frecuente é a das cobras singulares, as máis abundantes son as cantigas formadas por tres estrofas que adoitan estar formadas cada unha delas por sete ou, preferentemente, seis versos (no caso de que as cantigas sexan de refrán, os dous últimos constitúen con frecuencia o retrouso); o metro maioritario nos seus versos é o decasílabo, a fórmula rimática máis practicada é a que combina tres rimas segundo os esquemas abbacc ou abbacca (os máis empregados na lírica galego-portuguesa) ou, no caso de que se empreguen só dúas rimas, estas adoitan distribuírse segundo o esquema aaabab. Por outro lado, emprega con mestría algunhas das técnicas máis características do lirismo galego-portugués (palavra-rima, dobre ou mordobre), ao lado doutros artificios vinculados á poesía “popularizante” (como o paralelismo e o leixa-prén, que se combinan nun total de oito cantigas), pero aos que lles proporciona un carácter culto (como acontece nas pezas paralelísticas “Ai flores, ai flores do verde pino” e “Levantou-s’ a velida”).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso
Lugar : Santarém