denotación
(
-
s
f
Acción e efecto de denotar.
-
s
f
[LING]
Tipo de significado dunha unidade lingüística, normalmente a palabra, que ten como espello o termo connotación. Forman a denotación todos aqueles aspectos semánticos que pertencen ao mundo real ou a un mundo ficticio ou posible. Por exemplo, a denotación de rato, en galego, inclúe ‘mamífero roedor’, ‘de cor gris ou parda’, ‘con rabo’ e ‘vive nas casas ou no campo’, mentres que formarían parte da connotación ‘noxento’, ‘daniño’ ou ‘propagador de pragas’. A denotación pode opoñerse á designación: mentres na denotación o concepto remite á clase dos obxectos, na designación remite a un obxecto illado (ou a un grupo de obxectos) que forma parte do conxunto. Por exemplo, no signo lingüístico casa, a denotación estaría constituída pola clase das casas existentes que existiron ou poderían existir, mentres que esa casa ou as dúas casas constituirían a designación do signo casa no discurso. O concepto foi introducido polo pensador inglés Stuart Mill en 1843 como parte da distinción connotación/denotación que, para algúns autores de orientación filosófica, correspondería ao par intensión/extensión; entrementres, para outros, procedentes de campos como a crítica literaria, a denotación incluiría aquela parte do significado diferente do emotivo ou afectivo. Na terminoloxía de Mill, retomada máis tarde pola lingüística moderna, a denotación é o elemento estable, non subxectivo e analizable fóra do discurso, da significación dunha unidade léxica, mentres a connotación estaría composta polos elementos subxectivos ou variables segundo os contextos. O concepto de denotación perdeu interese como segundo termo da oposición denotación vs connotación. Este último foi criticado por terse convertido nun caixón de xastre onde se inclúen todos aqueles aspectos da significación dunha unidade léxica non analizables e procedentes da intuición. Ademais, a denotación situaríase na liña saussuriana dunha caracterización positiva das unidades léxicas, mentres na lingüística máis recente as unidades aparecen definidas polas relacións nas que entran. Nesta visión, a denotación non sería posible fóra do contexto, senón unicamente na rede de relacións vinculadas a este.