Depero, Fortunato

Depero, Fortunato

Pintor italiano. Estudiou na Scuola Reale Elisabettina de Rovereto. En 1913 coñeceu a obra de Boccioni e os futuristas, grupo no que foi admitido no ano seguinte. Escribiu o manifesto Ricostruzione futurista dell’universo (Reconstrución futurista do universo, 1915) con Balla, o Manifesto del arte publicitario futurista (1932) con Marinetti e o Manifesto da pintura nuclear nos anos 50. Creou en Rovereto unha Casa d’Arte Futurista e fundou as revistas Futurismo e Dinamo Futurista. Autor de poemas con debuxos simbolistas e poemas fonéticos, realizou vestiarios e decorados teatrais e ilustracións. Como creador dramático, despois de diversas colaboracións con Segej D’agilev e os Ballets Rusos, presentou as súas propias creacións escénicas baseadas no rexeitamento radical da lóxica narrativa naturalista, na procura dunha estética centrada no mecanicismo e no automatismo industrial, onde as cores, os sons, os movementos, as formas humanas ou os obxectos se converten en novos elementos significantes a partir do descubrimento do xogo como estratexia creativa. Entre os seus traballos cómpre salientar Balleti Plastici (Ballets plásticos, 1918), Cabaret del diavolo (Cabaré do demo, 1921) e Anihccam del 3000 (1924).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Fondo

  • Deceso

    Lugar : Rovereto