Deporte Campeón

Deporte Campeón

Diario deportivo publicado na Coruña a partir do 19 de decembro de 1995. Forma parte do grupo La Capital S L, editora dos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa. Fundado por Editores Deportivos del Norte de España S L, foi dirixido inicialmente por César Casal González. Comezou a súa edición coa cabeceira dxt, que logo foi substituída por Deporte. Presidido por Florencio Aldrey Iglesias, conta cun equipo de dirección formado por Juan R. Díaz García e Juan C. Boga Sánchez. Está dividido nas seccións, “Deportivo”, dirixida por Alberto Torres, “1ª División y F. Gallego”, con Lois Novo á fronte, “Otros Deportes”, con Juan Pedro Barco, e “Suplementos”, coordinado por J. R. Fontela. O seu obxectivo principal é informar e dar a coñecer o deporte galego, e inclúe entrevistas, clasificacións, táboas comparativas e especiais dos distintos deportes que se practican en Galicia acompañados de fotografías. Semanalmente publícase un suplemento sobre fútbol local, un sobre afeccionados e veteranos, outro de fútbol sala e un especial sobre deporte escolar. Anualmente, dedica suplementos ao aniversario da súa primeira publicación, ao final e ao principio da Liga, ao Teresa Herrera, á Liga de Campións, ao Mundial de clubs e outro ás instalacións deportivas de Galicia.