Deportes de Galicia

Deportes de Galicia

Semanario deportivo aparecido en Vigo a partir de setembro de 1977. Dirixido por Bernardo M. Vázquez Xil, contaba coa colaboración de Antonio Bermúdez, Luis Fernández, Maloca, R. Louro e Ramón Pérez. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Artes Gráficas Galicia. Ilustrado con fotografías de Ángel Llanos e Alver, entre outros, analizaba a traxectoria dos equipos galegos de fútbol nas diferentes categorías, realizaba reportaxes sobre adestradores, árbitros e xogadores, e publicaba táboas estatísticas dos equipos e dos máximos goleadores. As últimas páxinas dedicábaas a outras actividades deportivas como o baloncesto, a natación, o motocrós, a caza e a pesca.