Dereito Civil Especial de Galicia

Dereito Civil Especial de Galicia

Especialidade do dereito civil propio do ordenamento xurídico de Galicia. Integrada no dereito civil, que se aplica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia por razóns de índole social e histórica, constitúe unha compilación de institucións xurídicas de orixe maioritariamente consuetudinaria que se teñen desenvolvido en Galicia ao longo da historia.
Institucións peculiares do Dereito Civil Especial de Galicia
As principais institucións xurídicas propias do dereito civil galego son a casa familiar, patrimonio indivisible base do sistema de propiedade; a veciña, reunión das casas dunha parroquia co obxecto de administrar os bens en man común; os dereitos reais, constituídos polas comunidades veciñais de montes en man común, as comunidades de augas, os muíños de herdeiros (que son unha propiedade común indivisible), o cómaro (linde da propiedade), a servidume (dereito de paso por un dominio) e a serventía (paso que se efectúa por un terreo privado e do que non consta o dominio ou a identidade dos que o utilizan); os contratos, que son o de arrendamento rústico, a parcería (cesión do aproveitamento de certos bens, convindo en repartir en partes alícuotas os froitos do rendemento), e o contrato vitalicio (no que unha ou varias persoas se obrigan a prestar alimentos a outras a cambio da cesión ou entrega de bens); a compañía familiar galega, constituída por labregos individuais emparentados para vivir xuntos e explotar terras en común; o réxime económico familiar; e as sucesións, que regulan o usufruto voluntario de viudedade, o pacto de mellora, o dereito de labrar e posuír (sucesión de lugares ou terras indivisas a calquera dos descendentes en actos inter vivos ou mortis causa), as sucesións testadas ou intestadas, e a partilla (adxudicación de bens en vida da parte da herdanza que lle corresponde a un lexitimario, de xeito que este queda excluído da posterior repartición dos bens do finado).
Orixes das peculiaridades do dereito civil galego
A introdución en Galicia do dereito romano pode considerarse un precedente na organización xurídica civil galega ao achegar unha tradición xurídica pública, que logo se reflectiría na Idade Media. O Emperador Vespasiano (69-79) outorgoulles certos dereitos aos integrantes das provincias romanas, que podían acceder á cidadanía romana mediante o desempeño de cargos públicos. Tamén o Imperio Romano legou a organización en conventos xurídicos, como lugares onde o gobernador se reunía co pobo para impartir xustiza e administrar os seus intereses. Finalmente, a recepción dos foros municipais sería trascendental, na medida en que supoñen un precedente histórico dos privilexios forais que se desenvolveron na Alta Idade Media, como a ordenación propia dunha agrupación humana sometida ao poder dun emperador ou dun rei.
O dereito galego medieval
O dereito medieval constituíuse sobre a base da conxunción de elementos do dereito romano, da tradición consuetudinaria e da contribución xermánica, xunto ás normas do dereito canónico. O dereito propio de Galicia nesta longa época atopa na institución patrimonial e familiar o centro do seu sistema. A institución sucesoria, propia do dereito civil, manifestou en Galicia a concentración da propiedade nos homes primoxénitos, cunha significativa importancia da casa e da familia, que se denominou compañía familiar.
O dereito civil en Galicia durante a Idade Moderna
Ata ben entrado o s XV os foros eran os contratos agrarios típicos de Galicia. O foro era un contrato perpetuo (que podía acadar tres xeracións ou, no seu caso, tres reinados) polo que se cedía o dominio útil dunha parcela a cambio dunha renda. O subforo apareceu como unha institución útil para destinar o excedente das terras a señores medianeiros que, á súa vez, llelas arrendaban aos campesiños. Durante todo o s XVIII foron moi frecuentes os enfrontamentos entre os dominios directos de propiedade eclesiástica e os foreiros principais, de orixe fidalga. Tamén se desenvolveu nesa época o morgado, que aseguraba a sucesión do réxime de propiedade da terra vinculada á herdanza da liñaxe nobiliaria. Os morgados non podían venderse, dividirse ou aforarse, feito que produciu o seu encarecemento, ao saír do mercado. A prohibición da creación de novos morgados promulgouse en 1789.
O dereito civil galego nos ss XIX e XX
O réxime foral seguiu vixente en Galicia durante todo o s XIX e superou o tránsito do Antigo Réxime aos sistemas constitucionais. Este feito significou a ausencia dunha reforma liberal do sistema de propiedade en Galicia e o desenvolvemento de conflitos forais que chegarían ata o século seguinte. Os morgados foron abolidos e decretouse a súa liberalización, polo que puideron ser vendidos ou arrendados. Por outra parte, neste século desenvolveuse un longo proceso codificador do dereito civil español, que culminou en 1889. O Código Civil supuxo a abolición normativa das especialidades forais de Galicia, fundamentadas no dereito consuetudinario. Non obstante , denvolveuse unha inxente práctica xurídica que conseguiu adaptar as esixencias da nova normativa á realidade social e económica de Galicia; destaca un proxecto de apéndice ao Código Civil de 1915 coa intención de respectar as peculiaridades galegas (foros, subforos e rendas en saco, dereito de labrar e posuír, compañía familiar e parcería rural). A proclamación da Segunda República (1931) permitiu a tramitación dun Estatuto de Autonomía (plebiscitado en xuño de 1936), que, de ter entrado en vigor, significaría a posibilidade de desenvolver un dereito civil propio de Galicia; sen embargo, o estoupido da Guerra Civil supuxo a interrupción daquel proceso. En 1963 aprobouse unha compilación fragmentaria e incompleta, que se limitou a regular os foros e subforos, as parcerías, o dereito de labrar e posuír, e as formas de comunidade. Ademais, esa compilación de 1963 prohibiu a compañía familiar. A Constitución Española de 1978 recolleu no seu articulado o respecto ás especialidades forais e civís que puideran aprobar os órganos pertinentes das comunidades autónomas. Esta facultade desenvolveuse en Galicia coa Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, promulgada como Lei do Parlamento de Galicia de 24 de maio de 1995.