Dermatophagoides
Dermatophagoides
[ANIMAL/ENTOM]
Xénero de ácaros, de ata 0,3 mm de lonxitude, que viven sobre a pel humana á que libran das peles mortas, bacterias e fungos que, de non ser eliminados, poderían provocar dermatites. Tamén proliferan entre o po, formado por anaquiños de fibras téxtiles, pelos, escamacións da pel, restos de alimentos, bacterias, fungos e poles, que se acumulan, especialmente, nas camas e alfombras. As condicións óptimas para estes animais son os ambientes escuros cun 80% de humidade e temperaturas de 25 °C. As exuvias e excrementos destes animais conteñen importantes axentes alérxenos que causan, no home, gran parte das asmas. As especies máis comúns son D. pteronyssinus, D. farinae e D. microceras.