descentralización
(
-
s
f
Acción e efecto de descentralizar.
Ex: Coa descentralización dos organismos estatais, agora a competencia tena o concello.
Antónimos: centralización. -
s
f
[ADM]
Técnica administrativa que consiste en transferir parte das competencias da administración do Estado a entidades con personalidade pública de ámbito territorial restrinxido ou de certa especialización funcional. Este proceso descentralizador permite manter o control político central e dá unha autonomía total en determinados ámbitos da xestión administrativa. En España, a construción do Estado das autonomías deseñado na Constitución de 1978 supuxo o inicio dun proceso de descentralización sen precedentes, que culminou co establecemento de 19 comunidades e cidades autónomas dotadas de amplas competencias en materias como sanidade, ensino, traballo, economía, xustiza, etc. Sumadas ás das corporacións locais (concellos, deputacións provinciais e cabidos insulares), ofrecen o panorama xeral dunha administración moi descentralizada.
Antónimos: centralización. -
descentralización teatral
[ESPECT]
Programa de política teatral que ten como obxectivo a promoción da difusión teatral entre toda a cidadanía, sobre todo a través da creación de unidades de realización e exhibición nas vilas e cidades que integran o territorio dun Estado ou dunha nación. Entre os proxectos de descentralización teatral máis salientables hai que destacar o que tivo lugar en Francia a partir de 1959 que xa tiña antecedentes nas propostas desenvolvidas entre 1939 e 1954, e grazas ao que se crearon centros dramáticos e casas de cultura nas cidades e vilas máis importantes da República Francesa, de xeito que a cidadanía non só puidese gozar do teatro en tanto que servicio público, senón que puidese participar activamente na súa práctica. A influencia deste movemento na mellora xeral das artes escénicas, na promoción dunha escrita dramática francesa de calidade, e na creación e consolidación de públicos, foi decisiva, e as súas raíces hai que buscalas nas experiencias de Firmin Gemier e o seu teatro ambulante, nos estudios de Jacques Copeau, como Le Théàtre Populaire (O teatro popular, 1941), ou na defensa que Jean Vilar fai do teatro como servizo público. Non obstante , o movemento pola descentralización dos bens e dos servicios culturais, e a súa extensión a toda a cidadanía, tamén se desenvolveu nos EE UU, primeiro a través do Federal Theatre Project (1935-1939), que supuxo a realización e distribución coordinada de espectáculos en moi diversos puntos do país e, posteriormente, a través da creación de Resident Theatre (compañías residentes), proceso que comezou nos anos sesenta e se consolidou nos setenta e oitenta ata configurar un abano de case douscentos centros dramáticos permanentes que promovían unha oferta teatral permanente e diversificada. O movemento descentralizador tamén deixou sentir a súa pegada en Portugal a partir da Revolución de Abril de 1974, coa creación de compañías residentes, que en liñas xerais seguiron o modelo francés. A partir de 1996 creouse en Galicia un movemento de opinión favorable á creación de compañías residentes como alternativa á necesidade de formar e consolidar un tecido teatral sólido e estable, e a principios de 2001, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela, anunciou o interese da consellería por impulsar o modelo.