desintegración

desintegración

(

  1. s f

    Acción e efecto de desintegrar ou desintegrarse.

  2. [FÍS]
    1. s f

      Proceso que provoca un cambio na estrutura interna dun núcleo atómico. Pódese producir de forma espontánea ou pode estar provocado pola interacción con partículas ou fragmentos nucleares de alta enerxía; neste caso recibe o nome de reacción nuclear. Distínguense dous tipos principais de desintegracións, as alfa (α) e as beta (β), que se diferencian en que a primeira ten un espectro discreto de enerxía, mentres que na segunda é continuo. Xunto con estes fenómenos prodúcese a miúdo unha radiación electromagnética (γ). Existen na natureza toda unha serie de núcleos radioactivos: os de número atómico superior a 82, que proveñen das desintegracións do uranio 238, do torio 232 e do uranio 235, e teñen unha vida media moi longa; os de número atómico inferior a 82, coma por exemplo o potasio 40; e, finalmente, os que se forman de xeito espontáneo por mor das reaccións nucleares, coma o tritio e o carbono 14. Hai tamén radionúcleos artificiais, coma o cobalto 60 ou o cesio 137. A actividade nuclear, que é o número de desintegracións por unidade de tempo, é proporcional ao número de núcleos e a súa unidade é o becquerel ou o curie. Tamén se denomina decaemento radioactivo.

    2. constante radioactiva/de desintegración

      Coeficiente de proporcionalidade que relaciona o número de núcleos que se desintegran por unidade de tempo co número de núcleos presentes naquel instante. As magnitudes derivadas da constante de desintegración son a vida media e o período radiactivo.

    3. desintegración alfa

      Desintegración dun núcleo por emisión dunha partícula alfa.

    4. desintegración beta

      Desintegración dun núcleo por emisión dunha partícula beta ou por captura dun electrón cortical.

    5. desintegración dobre beta

      Desintegración pola que os neutróns dun átomo se transforman en dous protóns e inxectan dous electróns e dous antineutróns.

    6. desintegración non radiactiva

      Desintegración dun átomo ou molécula dun estado excitado a un estado de menor enerxía sen emisión de radiación electromagnética.

  3. s f [TECNOL]

    Proceso de redución das dimensións dos sólidos como resultado da aplicación de forzas de compresión ou de cortes efectuados nun desintegrador. Esta operación vai ligada sempre á obtención final dunha medida de partícula controlada, e tamén a unha dispersión estatística das dimensións das partículas.

  4. s f [SOCIOL]

    Proceso ou situación de disgregación dos elementos dun sistema social producido por unha carencia de cohesión interna, da organización funcional, ou pola desaparición dos intereses comúns. No caso dun grupo, a desintegración é consecuencia da perda de identificación co grupo por parte dos membros, ou da disolución da estrutura do grupo pola acción de axentes esóxenos ou endóxenos.