Despertad!

Despertad!
[PUBLIC]

Periódico anarcosindicalista, inicialmente saía cada dez días e, logo, dende o nº 7, semanal, editado en Vigo dende o 30 de marzo de 1928 ata finais do verán de 1930. Voceiro da cenetista Federación Regional Marítima, estivo a cargo de Eduardo Collado e Xosé Villaverde. Esta publicación serviu como punto de encontro da militancia libertaria nun intre no que a ilegalización da CNT na maioría do Estado español impedía a circulación normal da prensa confederal. De feito, o periódico contou co apoio e o financiamento do grupo Solidaridad, composto por coñecidos militantes establecidos en Catalunya e Levante e posicionados a prol do funcionamento legal do sindicato nas estreitas marxes da ditadura de Primo de Rivera. Nas súas páxinas, a carón de sinalados militantes galegos, como Marcial Villamor, Dalmacio Bragado, Claro Sendón, Eladio Díez e o propio Villaverde, figura unha nutrida representación de cadros foráneos da CNT, como Juan Peiró, Juan López, Ángel Pestaña, Isaac Puente e Federica Montseny. Rematado o seu cometido logo da reorganización cenetista acontecida no transcurso do ano 1930, o periódico desapareceu para deixar paso a unha nova etapa do voceiro da CRG, Solidaridad Obrera, suspendido pola censura dende 1925. Viviu unha segunda época de edición, dende o ano 1977 e cando menos ata 1978, co subtítulo de “Orgao da Federación local da CNT-AIT de Vigo”.