destilación

destilación

(

  1. s f

    Acción de destilar.

  2. [QUÍM]
    1. s f

      Proceso de separación dos compoñentes dunha mestura líquida por vaporización parcial da mesma; a fracción vaporizada condénsase e recupérase como líquido. Este proceso baséase na diferente presión de vapor e, polo tanto, dos puntos de ebulición dos compoñentes da mestura. A mestura quéntase nun alambique ou matraz de destilación ata a temperatura de ebulición dos compoñentes máis volátiles; estes sepáranse do resto da mestura e pasan a través dun refrixerante no que se condensan logo de arrefriaren, mentres que no matraz quedan os compoñentes menos volátiles.

    2. destilación azeotrópica

      rectificación azeotrópica.

    3. destilación de vapor

      Destilación de líquidos inmiscibles en auga. Fundaméntase no feito de que a presión de vapor dunha mestura de dous líquidos inmiscibles é igual á suma das presións de vapor dos constituíntes. Se a substancia ten presión de vapor apreciable cara aos 100°C en presenza de auga, a ebulición prodúcese a menos de 100°C e a substancia destílase, asemade, coa auga. Este procedemento emprégase moito na extracción de aceites esenciais.

    4. destilación destructiva/seca

      Destilación que consiste na descomposición térmica de substancias orgánicas complexas en ausencia de aire para rompelas. Xera unha mestura de produtos volátiles que se condensan e, posteriormente, se recollen. Emprégase na separación de substancias sólidas, como a madeira e o carbón.

    5. destilación fraccionada

      Destilación na que o vapor producido se condensa en diversas fraccións correspondentes a intervalos determinados de temperatura. Efectúase ao interpoñer entre o caldeiro e o condensador do alambique unha columna de fraccionamento ou de rectificación, e poñer por riba un deflegmador que condensa unha parte dos vapores e retorna o líquido á columna. Este líquido flúe polo caldeiro e, durante o descenso pola columna, vai enriquecéndose cos compoñentes volátiles e cede ao vapor que empurra os compoñentes máis volátiles. Cando se establece un equilibrio, a composición dos vapores que van ao condensador é a que se tería obtido cun gran número de destilacións simples sucesivas.

    6. destilación molecular

      Destilación en alto baleiro coa superficie condensadora tan preto da superficie do líquido en evaporación que as moléculas do líquido se trasladan á superficie condensadora sen colisións. Nesta técnica empréganse temperaturas máis baixas ca na destilación a presión atmosférica, polo que permite a destilación de substancias sensibles á calor. A oxidación do destilado elimínase ao non existir osíxeno.

    7. destilación ó baleiro

      Destilación dunha mestura líquida a presión reducida, inferior á atmosférica. Canto máis baixa sexa a presión, menor será a temperatura de destilación da substancia; isto diminúe o risco de degradación das substancias termolábiles presentes na mestura. Emprégase, fundamentalmente, cando se pretenden separar mesturas sensibles á calor ou de alto punto de ebulición. Os químicos Emil Fischer e Carl Harries foron os seus inventores.

    8. destilación simple

      Destilación en que se vaporiza parcialmente a mestura, se condensan os vapores e se recolle o destilado separadamente do residuo. Emprégase cando interesa unha separación parcial da mestura, ou ben cando a diferenza de volatilidade entre os constituíntes é moi grande, coma no caso de separación dun solvente volátil dun soluto non volátil.

Palabras veciñas

desteta | destetar | destilable | destilación | destilado -da | destilador -ra | destilar