destino

destino

(< destinar)

  1. s m

    Finalidade ou emprego para o que está designada algunha cousa.

    Ex: O destino dese vaso é decorar a mesa do salón.

  2. s m
    1. Cargo ou función para a que se designa a alguén.

      Ex: O destino que lle asignaron na empresa non respondía ás súas expectativas.

    2. Lugar a onde se envía a alguén a desempeñar un traballo.

      Ex: O destino do futbolista a próxima temporada será o Celta. O meu destino este ano é Ferrol porque alí tamén temos estaleiros.

  3. s m

    Lugar onde se dirixe unha persoa ou cousa.

    Ex: O tren con destino a Santiago de Compostela leva retraso.

  4. s m
    1. [RELIX/FILOS]

      Potencia sobrehumana que fixa por adiantado o curso dos acontecementos e a sorte reservada a cada ser humano, e, en consecuencia, é a causa ordenadora do mundo e da historia. Nas relixións politeístas, como a grecorromana, o destino era a unificación dos deuses, e mesmo se identificaba con algún deus particular; así, por exemplo Zeus encarnou a personificación mitolóxica do destino. A concepción da realidade como entidade sometida á predeterminación do destino é a esencia do pensamento grego e da cultura clásica. Esta mensaxe pasou ao Occidente europeo e influíu na concepción tradicional da providencia e na discusión escolástica sobre a predeterminación e na problemática protestante sobre a predestinación.

    2. Porvir de alguén.

      Ex: O seu destino era converterse nunha grande artista.

Refráns

  • O can sempre será can.
  • O que nace burro, burro morreo
  • Para nacer e morrer todos vimos ao mundo.
  • Que queira que non queira, o burro ha de ir á feira.