Devalar
Novela publicada por Ramón Otero Pedrayo en 1935 que supuxo a culminación do seu ciclo narrativo sobre a formación da conciencia galeguista, iniciado coa recreación da época do Rexurdimento en Os camiños da vida (1928) e continuado en Arredor de si (1930). Céntrase na mocidade galega vinculada ao Seminario de Estudos Galegos e presenta unha visión da realidade galega coetánea, desde a que se remonta ao pasado, a través da memoria dos personaxes, da que deduce o seu posible futuro (a desaparición da fidalguía e a adecuación aos novos tempos, o papel do galeguismo no porvir de Galicia, etc). Asemade, ofrece a súa visión persoal da xeografía e do contorno natural galegos (a ribeira e a bocarribeira, a cidade, a chegada do inverno, etc), así como da literatura e da cultura. Divídese en once capítulos nos que os personaxes aparecen e desaparecen como impresións fuxidías, e a acción xira ao redor de tres protagonistas que se conciben como símbolos da Galicia do presente e do futuro: Martiño Dumbría, Pauliños Fontenla e Lady Woolf. O primeiro, de forma semellante ao Adrián Solovio de Arredor de si, despois dun reencontro coa aldea, volve a Santiago co descubrimento das claves da cultura e da identidade galegas. O segundo escribirá o libro As palmas de Herbón, do que se ofrece un resumo, onde a figura do poeta Xohán Rodríguez de Padrón representa a conxunción dos tres grandes momentos galegos (o celta, o románico e o barroco). A última, unha escritora inglesa que viaxa a Galicia, tamén escribe unha obra, Os amantes de Santiago, na que os seus protagonistas, despois dunha peregrinaxe pola Europa cosmopolita, atopan en Santiago a verdadeira esencia do ser europeo. É un texto experimental, que se caracteriza pola mestura de narración e reflexión cultural, con contidos de tipo filosófico, histórico, literario e político. No aspecto formal, incorpora as innovacións técnicas da novela do s XX: monólogo interior, estilo indirecto libre, rupturas da estrutura lineal narrativa, participación activa do lector, mestura de xéneros literarios e eliminación da intriga. No tocante á lingua, destaca o enriquecemento semántico que consegue a través de novas combinacións e a riqueza rítmica e expresiva da súa prosa, que implican unha actualización da lingua literaria galega, situándoa ao nivel da vangarda europea.