devanagari
(< sánscrdevanāgarī ‘escritura divina’)
Forma de escritura india que deriva do antigo brahmi, como a maioría das escrituras de Asia central e do sur. Os primeiros vestixios localizáronse en inscricións do s VII, e son unha modificación da escritura gupta, moi utilizada no s IV pola dinastía homónima. Ademais de ser a escritura tradicional do sánscrito, o devanagari converteuse no alfabeto do hindi moderno. O alfabeto devanagari, escrito de esquerda a dereita, caracterízase pola abundancia de enlaces e polos trazos longos e horizontais na parte superior das grafías, que forman unha soa liña continua cando se unen formando palabras. Consta de 49 signos simples e máis de 200 compostos. Aínda que na súa orixe era un sistema de escritura de carácter alfabético, pasou a ser silábico (as grafías consonánticas transcriben o son da consoante correspondente acompañado da vogal inherente).