Devesana, La
Sociedade de Instrución e Asistencia Social fundada en 1907 (e legalizada en 1908) en La Habana por un grupo de emigrantes que procedía da parroquia de Devesos, do concello de Ortigueira. Os seus fundadores pertencían, sobre todo, ao sector tabaqueiro. No primeiro regulamento desta sociedade reflectíanse os seus obxectivos, entre os que cómpre destacar o de facilitarlle a instrución aos socios e poñer á súa disposición todas as instalacións necesarias (biblioteca, salón de lectura, etc). Con este fin creouse e sostívose unha escola laica na parroquia de Devesos, e mesmo se chegou a abrir unha delegación en Tampa. De modo similar, fundáronse máis de duascentas sociedades de instrución por distintas comarcas de Galicia, aínda que a maioría delas non se rexían por un credo laicista. Estas sociedades tiveron grande importancia na alfabetización de Galicia.