Dewey, John
Filósofo e pedagogo norteamericano. Foi profesor nas universidades de Minnesota, Michigan, Chicago e Columbia de Nova York. A súa filosofía segue a liña pragmática de William James, e o seu método (instrumentalismo lóxico e teoría da investigación) é unha aplicación da metodoloxía científica ao campo filosófico. A convicción de que a experiencia condiciona calquera pensamento está presente nas súas contribucións sobre lóxica: Studies in Logical Theory (Estudios sobre teoría lóxica, 1903) e Logic: The Theory of Inquiry (Lóxica: teoría da investigación, 1938). Esta convicción tamén aparece nos seus tratados de moral e psicoloxía social: Ethics (Ética, 1908), obra escrita en colaboración con H. Thufts; Human Nature and Condut: An Introdution to Social Psycology (Natureza humana e conduta: introdución á psicoloxía social, 1922). Dentro da pedagoxía, introduciu unha filosofía instrumentalista (a intelixencia e as teorías son dous instrumentos para a acción) e funcionalista (a sociedade é un sistema no que o equilibrio depende da integración dos seus diversos compoñentes). Foi o promotor dunha pedagoxía fundada esencialmente no pragmatismo, que tende a desenvolver a educación mental en función da súa adaptación á existencia concreta máis que nun abstracto e formalista desenvolvemento das capacidades mentais. Neste sentido, a pedagoxía práxica e experiencial tendería a provocar a aparición do pensamento, feito que deseguido actúa como instrumento reorganizador daquela. Dewey inclinouse así polo activismo pedagóxico, reclamando unha maior atención para a psicoloxía do educando, e desde tales presupostos influíu en moitos pensadores e pedagogos americanos e europeos ligados ao movemento internacional da escola nova. Ademais, as súas ideas pedagóxicas, inscritas na escola nova, fixérono defensor do reformismo social e educativo. Nesta liña cómpre destacar as súas obras The School and the Society (A escola e a sociedade, 1900), Educational Essays (Ensaios educativos, 1910), Democracy and education (Democracia e educación, 1916), The Sources of a Science of Education (1929) e Education Today (Educación hoxe, 1940).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Burlington, Vermont -
Deceso
Lugar : Nova York