Dexo, Santa María de

Dexo, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Oleiros. De orixe románica, reconstruíuse e modificouse en diversas ocasións: en 1108, segundo a Historia Compostelana, foi reconstruída e consagrada por Xelmírez; segundo unha inscrición situada nun tambor das columnas do arco triunfal, o abade Martiño de Dexo restaurouna en 1148; un epígrafe da imposta que percorre a ábsida sinala o ano 1200 como a data doutra reedificación, á que pertence a maior parte da construción conservada; unha inscrición do tímpano occidental mostra unha reforma de 1236; no s XVIII reformouse a fachada principal ao engadirse a espadana; e en 1733 o mestre Andrés Martínez construíu a capela maior seguindo as trazas de Fernando de Casas Novoa; en 1903 un incendio obrigou á súa restauración; e, finalmente, foi restaurada entre 1990 e 1991. Trátase dun templo dunha soa nave e ábsida semicircular. A nave ten cuberta de madeira mentres que o presbiterio se cobre cunha bóveda de canón lixeiramente apuntada e a ábsida con bóveda de cuarto de esfera, sen un arco que as separe. Na ábsida, de grandes dimensións respecto da nave, destaca a colección de canzorros de temática diversa que sosteñen o beiril: cabezas de animais, un contorsionista, unha figura antropomorfa e motivos vexetais e xeométricos. O arco triunfal é de grandes dimensións, lixeiramente apuntado e sostido por columnas con elementos que proveñen do edificio erixido en tempos de Xelmírez. A columna meridional presenta na metade inferior do fuste un gran tambor pegado ao muro, cunha decoración a base de estrías helicoidais alternando bandas lisas e outras con pequenas bólas e liñas en zigzag; enriba sitúanse tambores realizados con posterioridade e nun deles figura a inscrición do abade Martiño; o capitel que a remata presenta unha orde de follas pegadas á cesta, de perfís recortados, anchas e nervadas. A columna setentrional presenta o fuste liso e o capitel vexetal, pero cun tratamento estilizado e volumétrico. As vigas do teito descansan en tres pilastras, coroadas por uns perpiaños cúbicos decorados que tratan de imitar adornos vexetais moi estilizados, e dous canzorros. Nun dos muros fixouse unha placa romana rectangular de mármore cunha inscrición que a consagra a Xúpiter. As portadas laterais son moi sinxelas e de pequenas dimensións; destaca a norte, que presenta un tímpano semicircular co relevo dunha cruz de brazos iguais e, na parte inferior da peza, unha sucesión de seis pequenos arcos de medio punto. A fachada occidental ten unha portada abucinada con tripla arquivolta: as dúas interiores sostidas por catro columnas acobadadas, con capiteis robustos e cunhas incisións que debuxan sobre eles unhas follas moi sinxelas rematadas en volutas ou en punta, o arco menor mostra un festón de pequenos arcos de medio punto no extradorso e a rosca maior alterna doelas lisas con outras adornadas para formar un zigzag. No medio do tímpano aparece unha gran cruz de brazos iguais e extremos ensanchados, na que se gravou unha inscrición coa data de 1236, ano no que probablemente se debeu realizar esta fachada. No s XVIII engadiuse a espadana de dous vans, o óculo situado sobre a porta e dous pináculos nos extremos do lenzo.