Deza

Deza

Río afluente do Ulla pola esquerda. Nace na vertente noroccidental da serra do Testeiro, na parroquia de Zobra (concello de Lalín). O seu curso, que se adapta á tectónica fracturada da comarca, deixa ao O a serra do Candán e adopta unha dirección S-N, coa que penetra na parroquia de Vilatuxe e que mantén para servirlles de límite aos concellos de Lalín (parroquias de Vilatuxe, Barcia, Anseán, Cristimil, Prado, Noceda e Anso) e Silleda (parroquias de Parada, Laro, Oleiros, Cortegada, Taboada e Vilar). Neste treito, na parroquia de Prado, recibe o seu principal afluente, o Asneiros. Entre as parroquias de Losón (Lalín) e Vilar (Silleda) vira cara ao NO para continuar co trazado da demarcación dos concellos de Silleda (Ponte e Saídres) e Vila de Cruces (San Pedro de Losón). Ao chegar ao deslinde das parroquias de Fontao e Saídres muda de novo a súa dirección, esta vez cara ao O, e continúa polo límite municipal de Silleda e Vila de Cruces, que mantén ata a súa desembocadura, respectivamente polas parroquias de Carboeiro, Martixe, Pazos, Abades, Piñeiro, Dornelas e Cira, por unha banda, e Merza, Bascuas, Camanzo e Gres, pola outra. En Pazos (Silleda) recibe o seu outro grande afluente, o Toxa. Desemboca no Ulla no límite entre as parroquias de Gres (Vila de Cruces), Cira (Silleda) e Ledesma (Boqueixón), despois de percorrer máis de 51 km e drenar unha conca de 551 km2. Achega na súa desembocadura un caudal absoluto de 18,6 m 3/s. O seu réxime é pluvial, razón pola que acusa unha forte seca estival, pois no mes de agosto o seu caudal redúcese ata os 2,1 m3/s; pola contra, no mes de febreiro o caudal absoluto acada unha media de 44,8 m 3/s, e en xaneiro e decembro achégase bastante a ese volume (38,8 m3/s e 37,5 m3/s, respectivamente).