Dezactualidade

Dezactualidade

Publicación trimestral en galego aparecida en Silleda en 1994 e subtitulada “Revista informativa sobre a Comarca de Deza”. Editada pola Asociación de Hostelería de Lalín, cesou a súa edición en 1999. Coordinada por Manuel Núñez, contaba coa colaboración de Daniel González, Xan Liñares, Anxo Oro, Xosé Luna, Mónica Balo e Carmen Lastres, entre outros. Incluía información sobre aspectos económicos, deportivos, sociais e de infraestruturas dos concellos que integran a comarca: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Ademais, engadía artigos sobre a historia, a música, a arquitectura e o medio natural da comarca. Cómpre subliñar, tamén, as referencias a mostras de pintura e escultura. No apartado “Aula literaria”, incluía poesías, pequenos textos literarios e artigos sobre xornais ou publicacións antigas destes concellos, ou mesmo referencias a autores galegos, como Manuel García Barros Ken Keirades.