diacronía

diacronía

(< fr diachronie)

s f [LING]

Maneira de considerar os feitos lingüísticos desde o punto de vista da súa evolución. A finais do s XIX os estudios lingüísticos tiñan unha orientación predominantemente diacrónica, xa que o coñecemento da evolución da lingua constituía unha parte da historia dun pobo. Os iniciadores da distinción entre diacronía e sincronía foron G. Gabelentz e, especialmente, F. de Saussure, pero xa se atopan precedentes na obra de Thurot (s XVIII). Saussure dálle prioridade á sincronía porque a dimensión sincrónica é a que coñecen os falantes. Cómpre precisar, sen embargo, que non hai unha sincronía pura, senón que, polo feito de convivir uns cantos sistemas nunha fala e nun momento determinado, a diacronía está presente tamén na sincronía. A lingüística estrutural, en principio sincrónica, centrou despois os seus esforzos na diacronía, que se considera como a evolución dos sistemas dunha lingua ou dialecto e permite ver en épocas sucesivas a estabilidade e os cambios de valor dos determinados elementos de cada sistema. Centrados nun eixe diacrónico destacan os estudios de fonoloxía de A. Martinet, E. Alarcos Llorach e H. Lüdtke, e os de semántica de E. Coseriu, entre outros.

Palabras veciñas

diácono | diacrise | diacrítico -ca | diacronía | diacrónico -ca | díade | Diadectes